O Teucro celebra en Cuenca a súa derrota máis doce (28-27) tras asegurar a permanencia en Asobal
Por Redacción
Permanencia asegurada. O Teucro acudía a Cuenca coa intención de conseguir polo menos o punto que lle faltaba para asegurar matematicamente o seu posto en liga Asobal durante unha tempada máis, pero non lle fixo falta. Os seus veciños do Cangas, que unha semana antes aprazaran tal feito ao vencer no Municipal pontevedrés, impoñíanse a Puerto Sagunto, e daban a tranquilidade definitiva á familia teucrista, ao mesmo tempo que facían posible o que non fai tanto parecía un milagre, como era salvarse eles tamén, para o que só lles falta un punto máis.
Imposible saber se esa boa noticia anticipada fixo que o Teucro "chegase tarde" á pista do Sargal, pero o certo é que o Liberbank Ciudad Encantada, que necesitaba os puntos para tentar meterse en competicións europeas, foi moi superior na primeira parte e case resolve o partido ao seu favor antes do descanso.
Moi diferente foi o segundo acto, no que o Teucro reaccionou de tal forma que a punto estivo de darlle a volta ao marcador, algo que mereceu sobradamente, pero que se lle escapou na última acción do partido.
A celebración anticipada da permanencia fixo que o Teucro acusase de saída una certa falta de intensidade nas súas accións e no que o único destacado foi o acerto de Carlos García desde os sete metros.
O Liberbank foi moi superior, con Leo Maciel extraordinario baixo paus e Doldán protagonista no ataque. Iso posibilitou que o marcador reflectise un claro 13-5 en só 18 minutos, recortado lixeiramente polos galegos, que se foron ao descanso cinco goles por baixo (17-12).
A segunda parte foi totalmente diferente. O Teucro cambiou de actitude na pista, cun Javi Santana espectacular, acerto de Iván Fernández e Edu Moledo nos extremos, e cunha defensa que mostrou a intensidade que lle faltou na primeira parte.
Todo isto traduciuse na pista e no luminoso. Nos primeiros cinco minutos da continuación, a vantaxe local quedouse reducida a dous goles e no ecuador da segunda parte o Teucro conseguía empatar (22-22) cun tanto de Samu Gómez.
Comezaba un novo partido de pouco máis de quince minutos, que anulaba todo o visto con anterioridade. Ata o final cada detalle podía decidir, pero a sensación era que o Teucro estaba máis preto de gañar. Así foi ata o 27-27, con balón en poder dos visitantes, que non só non o aproveitaron senón que unha perda posibilitou o contraataque de Perovic para poñer o 28-27.
Aínda dispuxo o Teucro de 30 segundos de ataque, pero a defensa conquense non lle permitiu un lanzamento claro e o realizado por Borja Méndez sobre a bucina detívoo Leo Maciel, impedindo que os galegos lograsen polo menos un punto que mereceron.
A celebración teucrista quedou embazada polo contratempo sufrido polo seu xogador Iglesias, que tivo que retirarse cunha posible lesión de xeonllo.
LIBERBANK CIUDAD ENCANTADA (28): Leo Maciel (1); Dutra (6), Vainstein, Doldán (5), Óscar Río (3 p), Nolasco (4), Perovic (5) -sete inicial-, Kilian Ramírez (p.s.), Canyigueral, Mendoza, Hugo López (2), Thiago Alves (2) e Rafa López.
SD TEUCRO (27): García Lloria; Yohnny Medina, Yoán Balázquez (3), Carlos García (5 p), Bruno de Castro, Dani Hernández (3), Edu Moledo (3) -sete inicial-, Javi Santana ( p.s.), Moyano, Borja Méndez (4), Quintas (1), Iván Fernández (6), Samu Gómez (2) e Miguel Ángel Iglesias.
Árbitros: Antonio Martín Franco (Castela-León) e José Luis Fernández Fernández (Asturias). Excluíron, por parte local, a Doldán, Mendoza e Thiago Alves. Por parte visitante a Johnny Medina (2), Quintas, Bruno de Castro, Dani Hernández e Edu Moledo.
Marcador cada cinco minutos: 3-1, 5-3, 10-5, 14-6, 15-10, 17-12 (descanso), 18-16, 21-19, 22-22, 26-24, 26-25 e 28-27 (final).
Incidencias: Polideportivo El Sargal (Cuenca). Uns 1.100 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro fai oficial a elección de Luis Montes como adestrador do primeiro equipo
Por Redacción |
-
Maio, mes clave para o futuro do Teucro
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Quique Domínguez anuncia entre bágoas a súa saída do Teucro
Por Diego Espiño & Miguel Álvarez Fandiño |
-
O Teucro, a pechar a permanencia en Cuenca pensando en "que nadie haga el trabajo por nosotros"
Por Diego Espiño |
-
A directiva do Teucro acorda denunciar ameazas recibidas nas redes sociais
Por Redacción |
-
Teucro e Cangas rozan a permanencia tras unha horrible segunda parte local (23-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |