Miguel Román, Cacharrón, Seoane... Un parte de guerra no peor momento
Por Diego Espiño
Problemas serios para o Pontevedra, non só polo golpe moral que supuxo a súa derrota en Córdoba a pesar de xogar máis de 80 minutos en superioridade numérica.
Os granates viron preto a opción de puntuar e mesmo gañar no campo do líder, nun duelo que terminou sendo unha auténtica batalla física con accións ao bordo do regulamento e moi discutidas polos propios futbolistas.
O peor é que ademais das consecuencias na confianza do equipo, a enfermería encheuse de golpe con varios xogadores con problemas físicos a poucos días de ter que afrontar unha auténtica final coa visita o vindeiro domingo 11 de decembro (17.00 horas) do Rayo Majadahonda ao Municipal de Pasarón.
Un deses futbolistas é Miguel Román, intocable ata a data nas aliñacións de Antonio Fernández, que o incluíu en todas as súas aliñacións na liga e que tivo que ser substituído pasada a media hora de xogo. O seu cambio debeuse ás consecuencias da dura entrada que supuxo a expulsión do cordobesista Gudelj no minuto 9 do partido, ao impactar con dureza cos tacos na tibia do granate.
Román tentou continuar sobre o céspede pero acabou deixando o seu posto a Alberto Rubio.
Outro xogador que acabou visiblemente tocado o choque en Córdoba foi Pablo Cacharrón. O porteiro dobrou o nocello esquerdo nun choque co seu compañeiro Luís Martínez que supuxo o córner no que o Córdoba lograría o seu gol, aínda co arqueiro rengueante. Seguiu no campo ata o final, pero coxeando claramente.
Ademais Seoane concluíu o partido cun forte golpe na súa perna dereita froito dunha durísima entrada de José Crespo nos minutos finais que mereceu a tarxeta vermella.
Estes tres casos únense no Pontevedra á ausencia segura de Ángel Bastos, baixa segura polo menos ata principios de 2023, e a dúbida dun Álex González que perdeu os dous últimos partidos de liga.
Relacionadas:
-
O Pontevedra, a por unha vitoria en Alxeciras que "nos de confianza" antes de que acabe o ano
Por Redacción |
-
O cordobesista Gudelj recibe tres partidos de sanción pola súa salvaxe entrada sobre Román
Por Manu Otero |
-
Antonio Fernández: "É vital conseguir os tres puntos o domingo"
Por Manu Otero |
-
Antonio Fernández, tras a derrota en Córdoba: "Creo que fixemos todo o posible para puntuar aquí"
Por Diego Espiño |
-
Dura derrota do Pontevedra en Córdoba tras xogar 80 minutos en superioridade (1-0)
Por Diego Espiño |
-
Un domingo solidario en Pasarón co partido entre Pontevedra e Rayo Majadahonda
Por Redacción |