Antonio Fernández: "É vital conseguir os tres puntos o domingo"
Por Manu Otero
As derrotas do Pontevedra fronte ao Racing de Ferrol e o Córdoba son xa cousa do pasado e o conxunto granate está plenamente centrado no terceiro dos partidos deste maratón competitivo co que comezou o mes de decembro e que medirá aos de Pasarón co Rayo Majadahonda o domingo ás 17 horas.
"Temos que sacar adiante o partido, o domingo é vital conseguir os tres puntos". Así de claro pronunciouse o adestrador Antonio Fernández na rolda de prensa previa ao encontro, na que recoñeceu tamén que "non hai motivos para estar contentos nin felices" a pesar da boa imaxe e o elevado número de ocasións conseguidas o pasado mércores no Arcángel.
Do estadio cordobés saíron tres xogadores moi tocados pola excesiva agresividade do conxunto local. Ata última hora, Miguel Román, Diego Seoane e Pablo Cacharrón serán dúbida para o seguinte enfrontamento. Unha lista na que segue Álex González, ademais da confimada baixa de Ángel Bastos que non volverá xogar este ano. "Queda unha sesión, do partido do Córdoba temos a algun xogador con algún problema pero por como están a evolucionar creo que poden chegar o domingo. Mañá sairemos de dúbidas para albiscar que once poderemos sacar o domingo", sinalou o técnico.
Sen querer poñer "escusas", admite Fernández Rivadulla que do visto o pasado mércores no Arcángel pódense sacar conclusións positivas. Unha delas a disposición do centro do campo con Miguel Román, Borja Domínguez e Yelko Pino xuntos desde o inicio por primeira vez. "Non me desgustou xogar con tres mediocentros e cun xogador por fóra como Brais que chega a invadir zonas interiores".
Trátase dun esquema que pode axudar a superar a presión adiantada coa que moitos rivais tratan de poñer en aprietos ao Pontevedra. "Ás veces a situacións clasificatorias tamén inflúen á hora de xogar con máis soltura. Pero temos que buscar mobilidades por dentro para atopar a xogadores sós e crecer nese xogo para chegar a zona de tres cuartos", defende o preparador.
Ocupar postos de descenso pode ser tamén una das causas da falta de gol que tanto lastra ao equipo. "Xeramos varias ocasións durante todo o partido pero faltou esa dose de sorte. Ademais atopámonos o outro día unha actuacion inmensa do porteiro e esas cousas animicamente tamén inflúen", sostén o adestrador nado en Ourense.
Tamén o balón parado marca diferenzas e o Pontevedra demostrou ser pouco eficaz en ataque e débil na defensa, ao recibir catro dos oito últimos tantos neste tipo de xogadas. "O equipo está ben colocado estruturalmente e dada a cantidade de córneres e faltas laterais que se producen non creo que sexa un factor determinante", apunta Fernández, quen si admite que no tanto do Córdoba "prodúcese un desaxuste pequeno".
Pola contra, en fase ofensiva recoñece que "o traballamos" pero "os centros dos lanzadores ás veces non son suficientemente bos e outras veces non se ocupan ben os espazos para rematar".
Sobre o rival do próximo domingo, sinala Antonio Fernández que é un equipo que "queren ter a pelota e ser protagonistas co balón, teñen xogadores desequilibrantes en certas zonas que poden crear problemas, pero temos que ser mellores".
O Rayo Majadahonda chegará a Pasarón despois de encaixar unha derrota en casa contra o Real Madrid Castilla, antes derrotaran ao Mérida a domicilio. Ademais, co mcabio de adestrador o equipo rompeu unha dinámica negativa que lle permite situarse de novo na loita pola permanencia.
Como afirma o técnico granate, conseguir os tres puntos é vital e para axudar a alcanzar o obxectivo "necesitamos unión, a afección sempre axuda nos momentos duros". Pola súa banda, o vestiario promete unha plantexamento "súperagresivo" e demostrar "desde o minuto uno que queremos gañar o partido".
Na caseta granate non queren pensar noutra cousa que non sexa a vitoria porque serviría para "deixar a un rival directo a unha distancia de tres puntos e colocarnos nese bloque que quere salvarse", confesa Antonio Fernández. Con todo, unha derrota deixaría ao equipo pontevedrés lonxe dos postos de permanencia e con só unha xornada por xogar antes do parón do Nadal. "Este é un partido primordial. Logo xa pensaremos no Alxeciras", sentencia o adestrador.
Relacionadas:
-
A vitoria do Pontevedra e os tropezos dos seus rivais apertan a zona baixa da táboa antes do parón
Por Manu Otero |
-
Antonio Fernández: "O esforzo e as ganas de gañar de hoxe merecían un premio que non se conseguiu"
Por Redacción |
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra diante do Rayo Majadahonda (1-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O cordobesista Gudelj recibe tres partidos de sanción pola súa salvaxe entrada sobre Román
Por Manu Otero |
-
Miguel Román, Cacharrón, Seoane... Un parte de guerra no peor momento
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández, tras a derrota en Córdoba: "Creo que fixemos todo o posible para puntuar aquí"
Por Diego Espiño |
-
Dura derrota do Pontevedra en Córdoba tras xogar 80 minutos en superioridade (1-0)
Por Diego Espiño |
-
O Racing de Ferrol rompe a imbatibilidade do Pontevedra en Pasarón (0-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |