Dura derrota do Pontevedra en Córdoba tras xogar 80 minutos en superioridade (1-0)
Por Diego Espiño
Perder no campo dun Córdoba líder do Grupo I da Primeira RFEF podía entrar nas contas do Pontevedra, pero non o desaproveitar unha ocasión como a que se lle presentou aos granates no Arcángel, ao xogar máis de 80 minutos en superioridade numérica. Claro que nin así ve porta con facilidade o equipo adestrado por Antonio Fernández, que fallou ocasións clamorosas para volver a casa de vacío e afundido un pouco máis nos postos de descenso.
Avanzara Fernández que, nunha semana de tres partidos, habería novidades no once, e así foi con catro cambios con respecto ao derbi contra o Racing de Ferrol. O técnico apostou por un trivote na medular dando entrada a Yelko Pino xunto a Miguel Román e Borja, mentres que Luís Martínez entraba por Soto no centro da zaga, Oier Calvillo facíao na banda dereita e Rufo na punta de ataque. Tamén rotaba un Córdoba que presentaba seis novidades con respecto á xornada de liga da fin de semana.
O duelo comezaba cun ritmo trepidante, e os locais tardaron só un minuto en chegar con perigo á meta defendida por Cacharrón. Balón en profundidade ás costas de Samu Araújo, Carracedo gañaba a carreira e poñía o coiro no punto de penalti en posición inmellorable para Willy Ledesma, pero o dianteiro por fortuna conectaba de maneira defectuosa co esférico e o seu remate íase fóra. Esta vez librouse o Pontevedra de recibir gol ao primeiro de vez.
Os granates responderon pronto, con dous saques de esquina consecutivos. No segundo deles, sacado desde o costado zurdo por Borja Domínguez, Rufo non lograba rematar por centímetros no primeiro pau pero a pelota caía aos pés de Seoane que controlaba e conectaba un disparo potente e cruzado ante o que se luciu o porteiro, Carlos Marín, para desviar.
A réplica foi de novo dos andaluces, sorprendendo De las Cuevas nun lanzamento de falta para Fuentes, na esquerda, con centro e remate de novo de Ledesma que Cacharrón desviaba a córner.
Só pasaran 9 minutos de xogo e todo o panorama cambiou nun dicir amén. O coiro quedaba dividido en cuarto de campo propio do Pontevedra, Miguel Román chegaba antes que Gudelj e o central cordobés, fóra de zona, realizaba unha terrorífica entrada impactando cos tacos na tibia do centrocampista granate. Vermella directa, incontestable, que de súpeto ofrecía unha oportunidade impensable ao Pontevedra para sacar algo positivo do campo dun líder que tiña por diante 80 minutos en inferioridade.
Tras esta acción o guión foi outro. O Pontevedra fíxose co dominio da posesión ante un Córdoba que se repregou para recompoñerse. Tocaba ter cabeza e non precipitarse. A ameaza ofensiva dos andaluces, cun plantel de moitos quilates, seguía presente, e non se podían cometer erros.
Así houbo que esperar ata o minuto 27 para ver un novo achegamento, nun córner rematado por Churre ás mans do porteiro. Antonio Fernández meditaba como retocar o seu plantexamento, e fíxoo pasada a media hora ao non poder continuar Miguel Román por mor do golpe recibido na expulsión. O técnico daba entrada a Rubio deixando o centro do campo para Borja Domínguez e Yelko para colocar a Brais preto de Rufo, en posicións máis centradas.
Non tardou o Pontevedra en ter unha ocasión moi clara para poñerse en vantaxe. Borja Domínguez cambiaba o xogo cara á entrada de Samu, o lateral cedía para a entrada de Yelko pero o coiro quedaba franci para un Rufo que buscou o ángulo pero que se atopou cunha parada de moito mérito do arqueiro local. Tamén ameazou o Córdoba antes do descanso nunha boa xogada individual de Puga en banda dereita, pero sen atopar rematador o marcador non se movería.
Tras o paso polos vestiarios chegaría a ocasión máis clara do encontro para os da Boa Vila. Yelko e Rubio tiraban unha parede no costado zurdo e o 14 servía o coiro raso para un Brais Abelenda que, con todo a favor case no bordo da área pequena, atopouse cunha espectacular parada de Carlos Marín.
Perdoaba o Pontevedra, que seguía roldando a área rival cun remate de Rufo forzado e outro de Rubio demasiado cruzado. Non atopaba a maneira de facer gol, e entre medias o Córdoba sacudíase por momentos o dominio para demostrar que seguía tendo pólvora arriba, tanto que Cacharrón tiña que sacar un man a man a Carracedo que completaba na continuación Rubio sobre a liña de gol.
Pasaban os minutos e os nervios ían en aumento. Tamén o cansazo dun equipo local que empezaba a fiarse á accións illadas, e así sería como atoparía o gol, tras un córner concedido polos granates nun choque entre Cacharrón e Luís Martínez no que resultaba danado o gardameta. Aínda con el rengueante os locais colgaban o balón á área, a defensa non lograba despexar e Diarra, na segunda acción, cabeceaba ao fondo da rede para facer o 1-0.
O @CordobaCF_ofi gañou por 1-0 diante do @PontevedraCFSAD
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) December 7, 2022
Partido moi bronco do líder da categoría que xogou con 10 durante 80 minutos e acabou gañando co gol de Diarra pic.twitter.com/Z0jVfvVudK
Pau dos gordos para un Pontevedra que vía preto puntuar. Restaban 11 minutos para o final, pero o duelo a partir de aí converteuse máis nunha guerra de guerrillas. O Córdoba embarulló o xogo sacando faltas e cometendo outras en accións duras e moi discutibles para que case non se volvese a xogar. De feito só unha cabezada de Charles no 90, a un centro desde a dereita, puido significar o empate, pero non era o día de cara a porta dos granates certificando unha derrota que doe e moito polas circunstancias nas que chegou.
Non haberá moito tempo para laiarse, e é que o domingo chegará a Pasarón un rival directo pola permanencia como é o Rayo Majadahonda. Todo o que non sexa gañar, pode comprometer moito o futuro do proxecto granate, afogado xa a tres puntos da zona de salvación.
CÓRDOBA CF (1): Carlos Marín, Puga (Simo, min.78), Gudelj, José Cruz, Calderón, Diarra, Álex Bernal (Javi Flores, min.46), Carracedo, Fuentes (José Ruiz, min.60), De las Cuevas (Jorge Moreno, min.16), Willy Ledesma (Casas, min.60).
PONTEVEDRA CF (0): Cacharrón, Seoane, Churre, Luis Martínez, Samu Araújo (Jon Bakero, min.81), Miguel Román (Rubio, min.32), Borja Domínguez (Mario Ortiz, min.61), Yelko Pino, Oier Calvillo (Guèye, min.61), Brais Abelenda, Rufo (Charles, min.61).
Árbitro: David Cambronero González, auxiliado nas bandas por Cantón Vitoria e Fernández Mateos (Castela-A Mancha). Amoestou a Álex Bernal, Calderón, Simo, Casas, José Cruz e Willy Ledesma no Córdoba e a Mario Ortiz, Churre, Seoane e Yelko Pino no Pontevedra. Expulsou o local Gudelj por vermello directo (min.9).
Goles: 1-0 Diarrá (min.79).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 de liga na Primera RFEF disputado no Estadio El Arcángel de Córdoba ante 12.103 espectadores.
Relacionadas:
-
Yelko Pino e a lei do ex dan a vitoria o Pontevedra contra o Algeciras (0-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra, a por unha vitoria en Alxeciras que "nos de confianza" antes de que acabe o ano
Por Redacción |
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra diante do Rayo Majadahonda (1-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O cordobesista Gudelj recibe tres partidos de sanción pola súa salvaxe entrada sobre Román
Por Manu Otero |
-
Antonio Fernández: "É vital conseguir os tres puntos o domingo"
Por Manu Otero |
-
Miguel Román, Cacharrón, Seoane... Un parte de guerra no peor momento
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández, tras a derrota en Córdoba: "Creo que fixemos todo o posible para puntuar aquí"
Por Diego Espiño |
-
Un domingo solidario en Pasarón co partido entre Pontevedra e Rayo Majadahonda
Por Redacción |
-
Sen renunciar á sorpresa en Córdoba: "É unha das saídas máis complicadas do campionato pero isto é fútbol"
Por Diego Espiño |
-
Córdoba-Pontevedra, 15 anos despois dunha dolorosa eliminación
Por Diego Espiño |
-
O Racing de Ferrol rompe a imbatibilidade do Pontevedra en Pasarón (0-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Antonio Fernández: "Creo que o equipo sufriu, pero non era para irse cun 0-2"
Por Almu Dapena |