O Poio Pescamar cae nos penaltis co Sala Zaragoza e despídese da Copa da Raíña (3-2)
Por Almu Dapena
A lotería dos penaltis deixou ao Poio Pescamar co mel nos beizos unha vez máis. O conxunto conserveiro mediuse este domingo ao Sala Zaragoza no partido aprazado de oitavos de final da Copa da Raíña e caeu coa cabeza alta tras ceder na quenda de penaltis por 3-2.
Comezou o partido con dominio do cadro local, que tiña unha dobre ocasión nas botas de Carmen Alonso que foi liquidada por Caridad.
Espertou o Poio Pescamar aos cinco minutos, tomando a batuta do xogo mentres o Sala Zaragoza empregábase en defensa cunha presión alta coa que roubar o esférico e buscar saír á contra. O empuxe do cadro conserveiro o detivo Ana Etayo, que freaba un disparo de socato de Martita tras unha boa xogada de Agostina.
Empezouse a tomar o seu tempo o equipo vermello á hora de atacar, buscando espazos que non aparecían ante unha defensa maña moi ben posicionada, pasando o partido a unha fase de correrúas no que as porteiras tomaron protagonismo para intervir e manter o marcador inicial.
Con todo, unha mala saída de balón do Poio provocou un saque de banda a favor do Zaragoza. Sacou rápido o cadro local e Rapha Martins controlou de costas á portería, descargou á dereita cara a Maite García e esta sacou un disparo potente que rexeitou Caridad, con tal mala sorte que o rebote chegou aos pés de Martins e esta enchufó á rede.
Despois do paso polos vestiarios o cadro vermello tomou o control e comezou a chegar con maior claridade á área de Ana Etayo, que liquidaba os balóns que lle chegaban para enviar rápido aos seus xogadores e facer dano á contra.
Iso si, cando máis merecedor do gol estaba o Poio Pescamar, conseguiu o premio. No minuto 26, tras un saque de banda de Agostina, Anna Escribano sacou un disparo cruzado co que bateu á gardameta local e así colocar o 1-1.
Tras a igualada, as xogadoras de Manu Cossío seguiron ao seu, moi insistentes en atopar o segundo tanto chegando con moito perigo á área rival. Tiña, pola súa banda, o Sala Zaragoza a súa ocasión máis clara nunha contra entre Maite e Laura Boix, pero Caridad saíu moi ben a tapar o tiro evitando así o gol.
Parou o cronómetro Chus Muñoz a cinco do final e o Poio tomábase o seu tempo en cada ataque, buscando espazos na defensa rival aínda que cometendo erros por pases precipitados. Mentres, as mañas buscaban saír da presión rifando o balón fóra do seu campo.
Con todo, a falta de tres minutos para a conclusión e tras dous avisos de Dani Sousa, adiantouse por primeira vez o cadro conserveiro, Dupuy cabeceaba un centro de Ana Escribano ao interior da rede de Etayo.
Cambiou a xogo de cinco o Sala Zaragoza con Rapha Martins como porteira xogadora, tomando así as rendas do esférico e insistir na portería de Caridad, que nada puido facer para evitar o segundo tanto rival. Martins enviou a Mirian e esta desde a liña de fondo cedeu raso a Laura Boix que empuxou a gol, facendo o 2-2 co que se alcanzou o final do tempo regulamentario.
Xa na prórroga, tivo o equipo local a mellor ocasión cun centro afastado de Carmen Alonso que rematou de cabeza Laura Boix, obrigando a estirada de Caridad, pero o marcador non se moveu.
Puido cambiar no segundo tempo da prórroga. Saíu o Poio con Ana Rivera como porteira xogadora, salvando Etayo todas e cada unha das chegadas do rival, incapaz de ver porta. Tivo o conxunto visitante dúas ocasións en grao sumo claras para sentenciar, primeiro cun disparo desde a dereita de Dani Sousa e logo cun centro no que Ana Rivera só tiña que meter o pé, pero non puido chegar e o esférico foise rozando o pau, mandando o partido á lotería dos penaltis.
Na tanda desde a pena máxima a clara protagonista foi Ana Etayo, parando os disparos de Dani Sousa, Ana Rivera e Irene cos que daba a vitoria ao seu equipo. Marcaron para o Poio Pescamar Anna Escribano e Jane e para o Sala Zaragoza Mirian, Antía e Moreno (3-2).
Por segundo ano consecutivo o equipo vermello despídese da Copa da Raíña en oitavos de final.
Sala Zaragoza (2): Etayo; Maite, Carmen Alonso, Andreza e Boix (cinco inicial). Tamén xogaron Rapha Martins e Mirian.
Poio Pescamar (2): Caridad; Ana Rivera, Luci, Irene, Dani Sousa (cinco inicial). Tamén xogaron Martita, Dupuy, Agostina, Luisa, Jane, e Anna Escribano.
Árbitros: Faubell Zaldívar e Lázaro Angulo. Amoestaron a Andreza, Mirian e Antía no Sala Zaragoza e para Ana Rivera, Anna Escribano, e Agostina no Poio Pescamar.
Goles: Rapha Martins 1-0, min. 16. Agostina 1-1, min 26. Dupuy 1-2, min. 37. Laura Boix 2-2, min 39.
Tanta de penaltis: Anna (gol); Rapha Martins (fose); Dani Sousa (para Etayo); Mirian (gol); Jane (gol); Antía (gol); Ana Rivera (para Etayo); Moreno (gol); Irene (para Etayo).
Relacionadas:
-
Un gol do Burela sobre a bucina deixa o Poio Pescamar co mel nos beizos (3-2)
Por Almu Dapena |
-
Un Poio Pescamar desacertado perde pola mínima ante o Roldán (0-1)
Por Almu Dapena |
-
Sólido triunfo do Poio Pescamar ante un Atlético Torcal estrelado ante o muro Caridad (0-3)
Por Almu Dapena |
-
Saída "alcanzable" para o Poio Pescamar e derbi de altura para Marín Futsal
Por Redacción |
-
Zaragoza, parada do Poio Pescamar na busca da final a oito de Copa da Raíña
Por Redacción |
-
O Poio leva o #DerbiDaRía con goleada ante o Marín (5-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Poio Pescamar refórzase coa brasileira Angela Guimarães
Por Diego Espiño |