Quiños seguirá a liña marcada por Jabato no Cisne co reto de lograr a "tranquilidade" dos 26 puntos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Marcos Otero Quiños recoñecía este martes 25 na súa presentación como primeiro adestrador do Club Balonmano Cisne que a súa primeira idea era irse con Javier Fernández "Jabato", cando anunciou que non seguiría no equipo pontevedrés, pero unha "chamada cambiou todo" e decidiu asumir o reto de facerse cargo do banco do conxunto azul.
Anunciou que manterá unha liña continuista co proxecto iniciado por Jabato. "A idea é a mesma. El ten outras cousas máis aprendidas e eu teño outras, pero a liña será a mesma", indicou Quiños, que manterá un equipo técnico con plantel da casa e avanzou que o 90% do equipo de xogadores xa está pechado.
Deixou entrever a posibilidade de incorporar un primeira liña e un porteiro pero sempre "vendo o diñeiro co que contamos" debido á baixada do orzamento.
Manifestou que hai que confiar na "xente nova que vén de abaixo empuxando" confirmando que subirán dous xuvenís ao primeiro equipo: "se eles tiran a porta abaixo terán minutos e se non, hai que esperar pola oportunidade".
O obxectivo que se marca para esta tempada é lograr os 26 puntos "que dan a tranquilidade" canto antes e "se se pode estar máis folgado, perfecto", pero recoñeceu que a categoría a próxima tempada será máis competitiva con equipos moi reforzados.
Santiago Picallo, presidente da entidade, mostraba a súa satisfacción pola aposta por Quiños: "compartiu con Jabato toda a filosofía do equipo e do club e iso só redunda en beneficio do equipo para que os xogadores saiban a que xogamos".
"É o ideal neste momento e daranos moitos éxitos", afirmou Picallo indicando que o novo adestrador confiará en "os rapaces para apuntalar a canteira" nun curso en que "o pasaremos un pouco peor", vaticinou debido ás incorporacións dos outros equipos.
Sobre a renuncia de Jabato explicou que "este ano o tiña máis complicado. Non se vía motivado" e por ese motivo decidiu tomarse un "ano sabático", aínda que insistiu en que "esperamos que lle saian ofertas. Ten categoría para adestrar a calquera equipo".
O presidente recoñeceu as dificultades económicas para pechar o cadro de xogadores á espera de que se fagan efectivos o Plan Social de Ence e as axudas da Deputación de Pontevedra, pero remarcou que Quiños "vai virnos moi ben para sacar o máximo rendemento aos xogadores que temos".
Precisamente, a esta presentación asistía por sorpresa o canteirán Carlos Álvarez para desexar sorte ao novo adestrador. O ex xogador do Cisne foi nomeado MVP da pasada tempada na Liga Asobal como extremo dereito nas filas do Ademar León.
Relacionadas:
-
Renovación dunha das grandes promesas do Cisne, o pivote Manu Lorenzo
Por Redacción |
-
O Cisne, obrigado a iniciar a liga en Príncipe Felipe
Por Diego Espiño |
-
O Cisne estreará a tempada 24-25 na casa contra o Trops Málaga
Por Diego Espiño |
-
Quiños ascende a primeiro adestrador do Cisne tras a marcha de Jabato
Por Diego Espiño |
-
O Cisne ata un dos seus homes clave, Gualther Furtado
Por Diego Espiño |
-
Jabato, dunha renovación case pechada a decidir non seguir no Cisne
Por Diego Espiño |
-
Alejandro Conde abandona o Cisne despois de "siete años maravillosos"
Por Diego Espiño |
-
Carlos Álvarez recibe o seu MVP da tempada en Asobal: "Para mí es un sueño hecho realidad"
Por Diego Espiño |