A UVigo celebrará o Día de Rosalía en formato virtual e aberto
Por Redacción
A Universidade de Vigo conmemorará este mércores 24 de febreiro o Día de Rosalía no campus de Pontevedra a través dun acto de homenaxe que incluirá un relatorio da escritora e investigadora María Reimóndez, a actuación musical da integrante do grupo 'Son Trío' Susana Blanco e a lectura do manifesto que cada ano promove con motivo desta efeméride a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg).
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), debido ás limitacións de aforo ás que obriga a pandemia, este acto de homenaxe, que se desenvolverá na Casa das Campás, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a partires das 19.30 horas, non estará aberto ao público, que poderá seguilo a través do seguinte enlace: campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/999218868, co acceso para estudantado e o contrasinal Ky8fRT.
"Desde a Vicerreitoría apoiamos todos aqueles actos que significan pór en valor a figura de mulleres sobranceiras da cultura galega e non podíamos deixar de festexar a Rosalía de Castro, muller principal dentro da cultura e das letras en Galicia", salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, en declaracións que recolle o DUVI.
Pola súa banda, a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, destacou que con esta iniciativa a Vicerreitoría busca "sumarse aos actos que diferentes entidades e institucións celebran en Galicia arredor da figura de Rosalía", co propósito de "visualizar toda a súa creación literaria, como tamén o seu legado, que non deixa de ser tamén un capital social".
Neste sentido, Agrelo lembra que María Reimóndez fará unha aproximación ao papel de Rosalía de Castro en relación coa muller, afondando "nese vínculo entre o seu discurso literario e os feminismos máis actuais".
Relacionadas:
-
"Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Caldas de Reis quere contaxiar a vitalidade dos Cantares de Rosalía
Por Redacción |
-
Instagram tamén conmemorará o día do nacemento de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Ponte Caldelas e Bueu celebran o Día de Rosalía nas súas bibliotecas
Por Redacción |
-
Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
O Día de Rosalía celebrarase con decoración floral na Alameda e unha exposición na Biblioteca
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A Deputación anuncia as actividades ao redor do Día de Rosalía
Por Redacción |