Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
O Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal, celebra o Día de Rosalía que será o vindeiro mércores 24 de febreiro, cunha xornada coa que se pretende reivindicar e achegar á veciñanza a figura dunha das nais das letras galegas. Este ano, por mor da covid-19, as actividades serán de xeito telemático.
A programación dará comezo o martes 23 de febreiro a través de actividades en liña nas redes sociais do Concello de Poio. A concelleira de cultura, Raquel Rodríguez, lembra que este ano a homenaxe a Rosalía de Castro faise poñendo en valor o poema ‘Miña casiña, meu lar’, que forma parte da obra 'Follas Novas'.
O día 24 ás 16.00 horas, a compañía Barafunda ofrecerá un obradoiro virtual, tamén a través das redes sociais do Concello, que se centrará nun poema de Rosalía, e a partir das 18.00 horas emitirase unha charla a través do perfil oficial de Poio Cultura sobre Rosalía de Castro. O responsable de impartila será o fotógrafo coruñés Xurxo Lobato, que falará do seu libro 'Airiños aires Rosalía', a través do cal rende unha homenaxe, en forma de instantáneas, á escritora de Padrón.
Por último, o xoves 25 de febreiro realizarse unha ruta virtual no que segundo a concelleira de cultura, se poderán visitar os espazos vitais máis relevantes na traxectoria de Rosalía.
Ademais, este ano a figura da autora de 'Follas Novas' e 'Cantares Gallegos', tamén estará moi presente nos centros educativos grazas a unha proposta didáctica que se levará a cabo nos colexios de Poio. Segundo o Concello, trátase dunha iniciativa formulada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que a través da música e da poesía busca inculcar no alumnado os valores que sempre tratou de transmitir Rosalía de Castro a través da súa obra, sobre todo en cuestións como a súa visión da paisaxe galega, o feminismo, a nosa lingua ou a loita pola supervivencia.
Relacionadas:
-
Árbores poéticos para conmemorar a Rosalía de Castro en Ferreirós
Por Redacción |
-
"Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Caldas de Reis quere contaxiar a vitalidade dos Cantares de Rosalía
Por Redacción |
-
A UVigo celebrará o Día de Rosalía en formato virtual e aberto
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia as actividades ao redor do Día de Rosalía
Por Redacción |