Árbores poéticos para conmemorar a Rosalía de Castro en Ferreirós
Por Redacción
O parque Rosalía de Castro no lugar de Ferreirós, en San Salvador de Poio, rende homenaxe desde este luns 21 de febreiro á escritora. Supón o primeiro acto dunha completa programación de actividades que desde o Concello se impulsará ao longo das vindeiras xornadas para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, que será o 23 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento da autora.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez; e a edil de Normalización Lingüística, Marga Caldas, deron a coñecer este luns os detalles da programación nun acto no parque que leva o nome da escritora.
Alí procedeuse á colocación de poemas de Rosalía nas árbores situadas neste espazo ao aire libre. O objetivo é, segundo Rodríguez Alonso, que "toda a veciñanza teña a oportunidade de coñecer e gozar cos seus versos sacándoos á rúa".
A programación tamén busca implicar ao tecido educativo, pois consideran "unha prioridade que as novas e futuras xeracións coñezan e teñan constancia da importancia e do legado que nos deixou Rosalía de Castro a través da súa obra".
Está prevista a entrega dun lote de libros nos centros educativos do municipio que teñan previsto desenvolver actividades de coñecemento e visibilización da que Luciano Sobral considera que "sen dúbida é unha das autoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos".
Tamén se repartirán manteis de mesa nos centros educativos e entre o sector da hostalería, nos que se recolle o poema ‘Meu lar, miña casiña’, incluído en Follas Novas, a través dunha iniciativa impulsada desde a Deputación de Pontevedra e á que se adheriu o Concello de Poio.
Dentro do calendario de actividades, tamén hai que salientar as intervencións teatralizadas ‘Sempre Rosalía’, realizadas en chave de humor por Producións Dispersas, e que terán lugar o 23 de febreiro. Haberá unha dobre sesión, xa que pola mañá a iniciativa desenvolverase no IES de Poio (12.30 horas), mentres que pola tarde será na Praza da Chousa de Combarro (17.30).
A Biblioteca Municipal tamén será protagonista, ao acoller unha actividade narrativa, o xoves 24 de febreiro, ás 17.30 horas, que leva por título ‘Da aurora ao resplandor’. Esta iniciativa conta con prazas limitadas, polo que será preciso anotarse previamente enviando un correo electrónico a anotaculturapoio@gmail.com
O BNG levará ao vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará o martes 22 de febreiro, unha moción propoñendo a declaración do Día de Rosalía en Poio o 23 de febreiro, ademais de emprender e realizar "actividades de promoción da nosa escritora, que impliquen ao conxunto de veciños e veciñas".
Relacionadas:
-
O Concello de Poio dá a coñecer o proxecto do Parque de Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Manteis e marcapáxinas para conmemorar o Día de Rosalía en Bueu
Por Redacción |
-
Música e poesía para conmemorar en Pontevedra o Día de Rosalía
Por Redacción |
-
O campus reivindica o legado de Rosalía
Por Redacción |
-
Noite de intensa actividade cultural en Poio, co Día da Matria Galega e o inicio do Festival Chalaniña
Por Redacción |
-
Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |