"Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar".
Basta este parágrafo, escrito e lido pola escritora Anna R Figueiredo en nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), para resumir a homenaxe a Rosalía de Castro realizado este mércores na sede da Deputación Provincial de Pontevedra con motivo do Día de Rosalía, o 184 aniversario do seu nacimietno o 24 de febreiro de 1837.
A homenaxe, como esta frase de Anna R. Figueiredo, reivindicou á escritora galega máis universal como "a figura máis carismática da nosa literatura", fiel defensora da lingua propia e da terra e precursora do feminismo "nunha sociedade que a marxinaba", en palabras de María Ortega, deputada de Cultura, que se conectou de forma telemática.
A forza de Rosalía como muller e a súa reivindicación feminista que o manifesto da AELG puxo en valor tamén atopou continuidade nos discursos pronunciados durante o acto, no que a presidenta provincial, Carmela Silva, quixo deixar claro que "cando as mulleres falan, fala a humanidade enteira".
Carmela Silva destacou que Galicia ten a sorte de ser un dos poucos pobos cunha muller como símbolo e que Rosalía "merece que recoñezamos o seu nome ben, con alegría e forza" e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu a súa achega á lingua, cultura e sociedade galega en pleno século XIX: "Que unha muller fose capaz de producir a obra que produciu Rosalía no XIX faime sentir moi pequeno".
O acto, o primeiro da institución antes do programado en Vigo, contou coa banda sonora da cantante Uxía, que abriu o acto con 'Rosalía pequeniña', interpretada con Sérgio Tannus e Santiago Cribeiro, e pechouno con 'Deiche o corazón na man'. Durante a homenaxe tamén interpretou 'Bos Amores'.
Tamén reivindicaron a figura de Rosalía de Castro as novas xeracións, pois o acto incluíu unha conexión telemática co CEIP A Xunqueira de Pontevedra e coa clase de terceiro de Primaria, unha "aula de premio", segundo a organización. En directo, a clase da profesora Carmen Quinteiro recitou poemas da autora de Padrón.
Abel, Julia, Antonio, Aldara e Carla recitaron poemas que escolleron eles mesmos, logrando o recoñecemento xeral das persoas que seguían o acto desde o propio Pazo Provincial e vía telemática. "Non hai nada máis fermoso que escoitalos recitar, ningún recita mellor ca eles", eloxiou Carmela Silva.
Anna R. Figueiredo lembrou a multiplicidade poética, os cantos de independencia e liberdade e a homenaxe de Rosalía a un país que "respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres" e non se esqueceu das persoas que, desde Galicia, aínda hoxe en día ven obrigadas a emigrar, poñendo de plena actualidade os textos da autora.
Relacionadas:
-
A Deputación leva a dez concellos da provincia a infancia de Rosalía de Castro a través do teatro
Por Redacción |
-
Caldas de Reis quere contaxiar a vitalidade dos Cantares de Rosalía
Por Redacción |
-
Instagram tamén conmemorará o día do nacemento de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Ponte Caldelas e Bueu celebran o Día de Rosalía nas súas bibliotecas
Por Redacción |
-
Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A UVigo celebrará o Día de Rosalía en formato virtual e aberto
Por Redacción |
-
O Día de Rosalía celebrarase con decoración floral na Alameda e unha exposición na Biblioteca
Por Isabel Feijóo Gallardo |