"As mazás do cesto que teceu Montse abandonan o silencio"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Parece que Pontevedra ten sede de memoria, de memoria histórica. Ou esa é a conclusión que se pode extraer da escena que se viviu na tarde-noite deste xoves no Pazo Mugartegui. A escritora e xornalista arousá Montse Fajardo presentaba o seu segundo libro, Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, no que se recollen 16 historias de represión durante a Guerra Civil e os primeiros anos da Ditadura contadas por persoas próximas ás protagonistas. Citaba aos pontevedreses para coñecer máis de preto ás vítimas do 36 en Galicia, tanto ás evidentes -fusilados, paseados ou encarcerados- como a todas as demais, esas que moitas veces nin sequera foron consideradas como vítimas -viúvas, orfos, irmáns ou pais-. E a resposta 'atafegou' a autora e organizadores. As cadeiras quedaron escasas e a reciprocidade demostrada polos presentes ao termo do acto evidenciou o interese xeral por recuperar esa etapa demasiado tempo silenciada da historia recente.
Un resumo audiovisual do libro elaborado por O Faiado de Memoria abriu un acto no que a gran protagonista foi Carmiña Arruti, filla de Josefina Arruti e Bibiano Fernández. Sobre el, ex alcalde, ex presidente da Deputación, deputado nas Cortes Xerais cando estalou a Guerra Civil, existe unha ampla bibliografía que recolle o seu encarceramento ou o seu exilio. Sobre ela, apenas se mencionou máis nada que a súa condición de 'esposa de'. O Concello de Pontevedra saldou a súa débeda recentemente dando o seu nome a unha nova rúa e Montse Fajardo salvou a súa historia do esquecemento dedicándolle unha das mazás do seu libro. Para ambos os xestos tivo palabras de agredecimiento Carmiña Arruti nunha emotiva intervención na que falou un galego pouco habitual no seu día a día e rememorou parte das vivencias da súa nai, que "nin era solteira nin era viúva" e sufriu cárcere, peche domiciliario e moitas miserias durante a Guerra Civil e os primeiros anos do Franquismo.
A súa historia revela ata que punto é necesario un libro como Un cesto de mazás, do que o historiador Pepe Álvarez Castro, autor de Pontevedra nos anos do medo, sinalou que é "de lectura imprescindible" para entender o ocorrido a partir de xullo do 36 en Galicia e un exemplo de como as fontes orais son materia prima moitas veces subestimada para facer historia e, neste caso, tamén para facer memoria, pois con este libro "as mazás do cesto que teceu Montse abandonan o silencio" e cumpre co que a propia Fajardo recolle no seu prólogo a modo de toda unha declaración de intencións: "Si, é verdade, eu estou dun único lado, do lado das vítimas. De todas as vítimas. Do único lado en que podería estar: o dos silenciados". E failles memoria e xustiza.
Logra, segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, dar voz ás vítimas e que "a súa memoria saia do esquecemento e permaneza para sempre". E non é pouco o logro se se ten en conta, como lembraron tanto Bará como Pepe Álvarez, que se trata de vítimas esquecidas nos xa de seu escasos traballos realizados para contar ese outro lado da historia. Trátase de sindicalistas, obreiros, profesores, loitadores 'vermellos' aos que poucas veces se menciona nas bibliografías e das súas familias e de quen quedou tras o seu fusilamento ou o seu exilio, aos que, nun exercicio de memoria oral e de memorial coral, saca á luz.
"As que pasaron os que quedamos, iso ninguén o sabe", dicía unha das protagonista do primeiro libro de Montse Fajardo, Matriarcas, Carmen Meaños, e, parafraseándoaa, Luís Bará eloxiou o traballo de documentación e de recollida de fontes orais realizado pola autora para contar como viviron eses anos "as vítimas que quedaron e que tiveron que pasar esa noite do Franquismo". Todo contado "cunha grande sensibilidade" froito da "capacidade de empatía" dunha profesional que, tras tres anos de intenso traballo, e de derramar moitas bágoas cos seus entrevistados, autoeditou un libro "cheo de orgullo e dignidade, da dignidade que sempre tiveron as vítimas".
O resultado final, que xa se pode comprar nas librerías, é "un libro novidoso sobre un vello tema" que ten moitos vínculos co programa municipal A memoria das mulleres, do que a autora forma parte. E é que, tal e como concluíu a súa presentación Luís Bará, "todo isto pasou e contouno Montse Fajardo".
Relacionadas:
-
RADIO.- Sete historias reais contra a invisibilidade das vítimas e dos agresores de xénero
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Vilagarcía fai memoria da represión franquista 80 anos despois
Por Redacción |
-
Dez autores recollen nun libro a "historia invisible" das mulleres de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra rende unha sentida homenaxe ás mulleres represaliadas durante o franquismo
Por Redacción |
-
Pontevedra renderá homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes cun acto no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
'Un cesto de mazás', un libro para recuperar a memoria das vítimas evidentes do 36... e de todas as demais
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Unha exposición porá en primeiro plano a historia das mulleres de Pontevedra
Por Natalia Puga |