'Matriarcas', memoria viva da Galicia matriarcal de metade do século XX
Por Natalia Puga
Carmen Meaños tiña oito anos cando nos comezos da Guerra Civil foron buscar seu pai a casa e o mataron. A vida seguiu, traballou no mar, emigrou, tivo fillos, netos e bisnetos, pero sempre mantivo vivo o espírito de chamarlle asasino á cara ao veciño que o matou e o desexo de poder contar o que pasou aquel 15 de agosto de 1936, cando ela durmía ao carón de seu pai e viñeron a buscalo.
Carmen Meaños é unha das protagonistas de Matriarcas. Mulleres en pé de vida, o primeiro libro da xornalista vilagarciá Montse Fajardo. Non é unha personaxe máis, é a muller que, ao coñecela mentres exercía o xornalismo, lle recordou á autora as historias da Guerra Civil e a Transición que lle contaba súa avoa e a que lle fixo comezar a pensar en escribir esta obra.
O libro preséntase este venres 30 de novembro no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa (20.30 horas). Montse Fajardo afronta o momento con ilusión, pero confesa que, en realidade, "o obxectivo do libro para min xa está cumprido no momento no que fun ver a Carmen Meaños e, chorando, dixo: la memoria de meu pai xa está salvagardada".
Matriarcas recolle as testemuñas de dez mulleres galegas entre os 65 e os 103 anos que pouco teñen en común entre elas á marxe da "forza con que sacaron adiante as súas familias en épocas duras". "Dado que a maioría viviu a posguerra, aparecen elementos comúns como a fame ou a emigración que axudan a facerse unha idea global do que era a Galicia do século XX. Pero nada máis", exprica a autora no limiar.
A pesares de non ter nada en común, non foron escollidas ao chou, na súa selección procurouse que abranguesen un espectro moi diferente para chegar a plasmar nas súas páxinas a mulleres de distintos puntos de Galicia que, contando a súa vida, destripan a realidade do matriarcado que sostiña a sociedade galega da posguerra. A autora recoñece que na maioría dos casos non son as máis significadas da súa época, pero sen dúbida son moi representativas desas mulleres que foron as grandes esquecidas do seu tempo ás que Matriarcas pretende dar voz.
Entre todas crean un mosaico co que Montse Fajardo busca "a través das súas lembranzas, repasar a realidade da Galicia do século pasado, sendo as súas testemuñas reflexo da importancia que historicamente tivo a muller nunha sociedade tan matriarcal como a galega". "Son emigrantes, viúvas de vivos, orfas da guerra, fillas de fogares máis cortello que casa, que se viron obrigadas a traballar a reo para sacar adiante as súas familias, a maior parte das veces sen axuda dun home", exprica.
Dándolles voz en primeira persoa tamén lle gustaría que o libro servise para "darnos conta de que hai gente que aínda conta en primeira persoa como pasou fame de neno, como tivo problemas para que seus pais tivesen atención médica e que loitaron moito para conseguir uns dereitos que hoxe damos por sopostos, pero que podemos volver a perder, como, por exemplo, un salario digno". A autora daríase por satisfeita se coa súa lectura consegue que "nos demos conta do que temos e que loitemos para non perdelo".
Relacionadas:
-
RADIO.- Sete historias reais contra a invisibilidade das vítimas e dos agresores de xénero
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
'Un cesto de mazás', un libro para recuperar a memoria das vítimas evidentes do 36... e de todas as demais
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Preservar a memoria colectiva a través das mulleres
Por Redacción |
-
Pontevedra quere recuperar a 'Memoria das mulleres'
Por Redacción |