Pontevedra rende unha sentida homenaxe ás mulleres represaliadas durante o franquismo
Por Redacción
Dentro do programa municipal A memoria das mulleres, o Concello de Pontevedra organizou na noite deste venres no Teatro Principal unha homenaxe institucional ás mulleres que sufriron a represión franquista.
Este recoñecemento é froito dun acordo da corporación, que prevé tamén reforzar a presenza das mulleres nos espazos públicos mediante a denominación de parques, prazas e rúas; a creación de roteiros urbanos; e creación de murais artísticos e a instalación de rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a achega das mulleres á historia da cidade, tanto desde o punto de vista individual como colectivo.
Na homenaxe lembrouse o nome de case un cento de mulleres que foron vítimas de todos os tipos de represión: asasinato, como Consuelo Acuña ou Elvira Lodeiro; o rapado do cabelo, como Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría, Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas A Vidala ou Encarnación Silva; prisión, como Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas, presa en Saturrarán.
Mulleres que sufriron castigos económicos e laborais como as mestras Peregrina Martínez Santos, Nieves Adrio Sobrido, Pilar Poza Juncal, as irmás Esclavitud e Serafina Dios (tamén encarceradas), Ernestina Otero, ou as traballadoras do concello Aurora Garrida e Delia Gendra.
Mulleres exiladas como Virxinia Pereira, Mercedes Magdalena ou Isabel Gómez Costas.
Mulleres que agocharon a perseguidos, que lles levaron alimento e amor aos agochos e aos cárceres, como Rosa e Oliva Fariña, Eulalia Carro, Maruja Álvarez, ou as irmás Aurora, Nicereta e María Martínez Fernández (As Corseteiras), que tamén foron encarceradas.
Tamén foron protagonistas da homenaxe as mulleres que sobreviviron ao asasinato e á prisión dos seus familiares: as nais, fillas, irmás e esposas que tiveron que convivir coa dor sen dereito ás bágoas, sen dereito ao dó (duelo), porque mesmo estaba prohibido chorar os seus, poñerlles unha lápida ou levar loito. E que tiveron que sacar adiante as familias, e sufrir o silencio e a inxustiza do esquecemento durante décadas.
As mulleres que sobreviviron, as que protagonizaron escenas de solidariedade e resistencia no tempo do terror, as que conservaron a memoria no interior das casas tiveron tamén un espazo na homenaxe do venres, unha homenaxe que pretendeu ser un acto de memoria e de xustiza.
Relacionadas:
-
Os acenos valentes de quen no 36 perdeu todo menos a dignidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Dezasete traballos universitarios optan aos premios Ernestina Otero
Por Redacción |
-
Vilagarcía fai memoria da represión franquista 80 anos despois
Por Redacción |
-
Dez autores recollen nun libro a "historia invisible" das mulleres de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra renderá homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes cun acto no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
"As mazás do cesto que teceu Montse abandonan o silencio"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
"Non se pode construír o futuro dun concello sobre a ocultación do pasado"
Por Redacción |