Pontevedra renderá homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes cun acto no Teatro Principal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A memoria das mulleres que está a recuperar o Concello de Pontevedra a través do programa municipal bautizado, precisamente, como A memoria das mulleres, centrarase a vindeira semana nas mulleres represaliadas e resistentes, as mesmas que xa teñan protagonizado tres edicións das xornadas 'Represaliadas e resistentes' e que nestes días están máis presentes ca nunca na memoria colectiva coincidindo co corenta aniversario da morte do ditador. Francisco Franco, que inspirou esa represión. Nesta ocasión, será a través dun acto público no Teatro Principal.
O acto está organizado para as 20.30 horas do vindeiro venres 27 de novembro e servirá para render homenaxe a mulleres asasinadas, rapadas, encarceradas, depuradas, aldraxadas, sinaladas polo seu compromiso político ou polo parentesco a raíz do golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil e os anos do franquismo.
Dende A memoria das mulleres lembran que " as mulleres foron vítimas dunha cruenta represión que se prolongou no tempo da Ditadura. Sen dereito ás bágoas, sen dereito á dor, as mulleres conservaron os recordos no interior das casas, no tempo do silencio e do esquecemento".
A homenaxe servirá para representar nos nomes de case un cento de mulleres, a emoción e o orgullo que debe sentir a sociedade polas súas "vidas xenerosas".