![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f72/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/54f737d0f1-20150304-mulleres-013.jpg)
© Concello de Pontevedra
Unha exposición porá en primeiro plano a historia das mulleres de Pontevedra
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f48/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/54f73766ea-20150304-mulleres-011.jpg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a8a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/54f73780ee-20150304-mulleres-012.jpg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f25/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/54f7497a10-20150304-patxot-tempo-de-mulleres-005.jpg)
© Mónica Patxot
As persoas interesadas en coñecer a historia das mulleres de Pontevedra terán unha oportunidade de facelo a partir do vindeiro 10 de marzo a través da nova iniciativa do programa municipal 'A Memoria das Mulleres', unha exposición que permanecerá durante dous meses na praza da Ferrería. O propio título da mostra, 'Do gris ao violeta', é xa unha declaración de intencións do que atopará o espectador, achegas á historia das mulleres de Pontevedra dende a época na que se contaba aínda en gris e branco e negro ata os tempos actuais, nos que todo ten máis luz.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, considera esta mostra como unha maneira de facer xustiza ante a "evidencia e inxustiza" da invisibilidade e da ausencia das mulleres no discurso histórico. O obxectivo non é só recuperar esa historia silenciada das mulleres, senón que a exposición aspira a "poñelas en primeiro plano".
Esta última intención é a que levou a elixir a praza da Ferrería como lugar para a súa instalación, pois é "un espazo central da cidade", lugar "de historia e encontro" no que as mulleres serán o centro de atención. "ÿ o momento de facer xustiza e poñelas nun espazo tan visible" polo que moitas delas pasearon con case total seguridade no pasado como mulleres anónimas.
A exposición, deseñada pola empresa pontevedresa Ovo Publicidade, está plantexada "non tanto para facer unha homenaxe, senón por necesidade de coñecemento" e de divulgar a documentación e material recollido durante o traballo de campo realizado polo proyecto 'A Memoria das Mulleres'. A mostra é un punto e seguido a unha labor na que se recolleron 2.000 fotos, así como testemuñas orais. En canto ás imaxes, foron cedidas tanto por institucións como por máis de 50 persoas que atesouraban o material nos seus arquivos persoais.
A ex concelleira Maria Xesús López Escudeiro, integrante do equipo de coordinación da exposición, explicou que é resultado de máis dun ano de traballo, inclúe 120 fotografías, fala de 70 mulleres con nome propio e suporá expoñer 16 paneis divididos en seis bloques temáticos: pioneiras, heterodoxas e rebeldes; as idades da vida; ciencia e conciencia; traballadoras; represaliadas e resistentes; e 'donas de seu'.
Ademais, exporanse ao aire libre catro cubos coas biografías de 16 mulleres, 16 nomes propios de distintas épocas e estratos sociais, coñecidas e anónimas, entre as que estarían a dona de Almacenes Clarita, Clara López Santiago; a empresaria do transporte Carmen Durán, viúva de Cándido; a vendedora de doces María a do Carrillo; a señora Lola de Pasarón; Dolores Calviño; a mestra Carmiñal, María del Carmen del Valle Río, sobriña de Don Leandro; a menciñeira Vasquida García, xulgada por bruxería; ou Josefina Arruti Viaño, encarcerada por ser a muller do ex alcalde Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Son moitas máis e o nome de todas elas e as súas historias daranse a coñecer na exposición.
A importancia desta actividade reside, entre outras cousas, en que abre a oportunidade de que a mocidade de Pontevedra coñeza a pegada das mulleres na historia do municipio e, desta maneira, contribuir á igualdade. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carmen Fouces, indicou que dende o Concello se aposta por "darlle unha proxección máis alá do que supón facer unha boa exposición" e facer un traballo de ida e volta cos centros educativos. Este traballo coa mocidade é, na súa opinión, "a única maneira de que pervivan as cousas e se trasmitan de xeración e xeración".
De xeito paralelo á exposición, e baixo o título 'Tempo de mulleres', organízanse distintas actividades co mesmo obxectivo de rescatar a memoria das pontevedresas e sacarase á luz a publicación 'Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra', que incluirá textos de María Xesús López Escudeiro, Carme Vidal, Victoria Martíns, Xiana Iglesias, María Abelleira, Mario Gallego, Ana Acuña, Xosé Álvarez Castro e Montse Fajardo.