Ratifican a condena ao condutor bébedo que causou un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos
Por Oskar Viéitez
"En poucos supostos, como o presente, resulta sinxela a conclusión sobre a culpabilidade do recorrente", subliña o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no fallo no que confirman a sentenza que lle impuxo seis anos de cárcere ao condutor bébedo que o 19 de marzo de 2021 invadiu o sentido contrario de circulación e causou un accidente en Salceda de Caselas, no que faleceron unha nai e os seus dous fillos menores de idade, de 13 e 6 anos.
O tribunal de primeira instancia, a sección segunda da Audiencia de Pontevedra, considerouno autor de tres delitos de homicidio por impudencia grave e dun delito de condución baixo a influencia de drogas tóxicas.
O fallo do alto tribunal galego destaca que se trata de "un accidente brutal, no que perderon a vida tres persoas, sen que a través da instrución ou o plenario se atisbe outra participación nos feitos da condutora que non sexa a de circular por unha estrada na que coincide co acusado",
O home, segundo os maxistrados, era "perfectamente consciente" da limitación das súas facultades que provocaba unha "altísima inxesta alcohólica" previa.
Así, o fallo lembra que o condutor pedira en varias ocasións que o levasen ao seu domicilio, conducía a 128 km/hora nunha vía limitada a 90, invadiu o carril contrario e estrelouse contra o vehículo das vítimas, "provocando o inmediato falecemento de todas elas”.
A Sala do Civil e Penal na sentenza recalca que "a posición final dos vehículos, que se corresponde con este relato, parécenos incontestable, ao momento de que tal situación, sumada ao exceso de velocidade, á inxesta alcohólica, ao desprazamento do vehículo ata invadir o carril contrario e ao número de vítimas mortais producido, todo iso, parécenos suficiente para colmar a sentenza condenatoria, mesmo sen outras probas adicionais".
O fallo do TSXG sinala que, sen cuestionar o dereito de defensa, parécelle "irrelevante" que o accidente careza de testemuñas directas.
O tribunal destaca que "os feitos son tan claros e lamentables que nada cabe obxectar á conclusión da sentenza que se recorre".
Ademais, en relación ao carácter de eximente ou atenuante da embriaguez, sinala que, se o propio acusado tentou atopar a alguén que o conducise ao seu domicilio, e finalmente fíxoo no seu propio vehículo.
Esta conduta, subliñan, "o que revela é que coñece e asume que non se atopaba en condicións de conducir, comprende que o feito era ilícito, tamén as súas potenciais consecuencias; e, a pesar diso, opta por utilizar o seu propio vehículo para o regreso, conducindo con total desprezo dos límites de velocidade e adaptación ás circunstancias e condicións da vía, co resultado xa coñecido".
Esta sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Circula en sentido contrario pola avenida de Marín en dirección a Pontevedra
Por Redacción |
-
Un ano xudicial marcado polo triplo crime de Valga, os clans do Vao e os delitos sexuais
Por Natalia Puga |
-
Unha condutora quintuplica a taxa de alcohol tras causar danos nunha árbore e en dous turismos estacionados
Por Redacción |
-
Buscan testemuñas dun accidente ocorrido en Andurique
Por Oskar Viéitez |
-
"Siento mucho lo que pasó, no sé si fue culpa mía o no", afirma o condutor acusado de matar en estado ebrio unha nai e os seus dous fillos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O condutor bébedo que causou un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos asegura non lembrar nada
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un condutor bébedo, a xuízo en xaneiro polo homicidio imprudente dunha familia
Por Natalia Puga |