A Xunta porá en valor o castro de Cividá e o petróglifo de Pedra dos Mouros
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en valor o Castro de Cividá e o petróglifo de Pedra dos Mouros.
Trátase dunhas actuacións incluídas no Plan de intervencións arqueolóxicas que a Xunta de Galicia ten en marcha cun investimento de 850.000 euros para intervir en xacementos de toda a Comunidade.
Tal e como resalta o representante autonómico de Cultura, esta actuación forma parte do compromiso do Goberno galego para "mellorar a conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio entre a cidadanía".
"Bens arqueolóxicos como o Castro da Cividá ou o petróglifo de Pedra dos Mouros xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro", declarou Román Rodríguez.
En concreto, os traballos previstos no Castro da Cividá son a roza, limpeza e retirada de vexetación que cubre a área onde se localiza o xacemento e impide a súa correcta caracterización e visualización. Ademais, a actuación inclúe tamén unha prospección arqueolóxica para identificar e determinar a súa configuración espacial, elementos principais e posibles estruturas.
No petróglifo de Pedra dos Mouros, pola súa banda, limparase manualmente o contorno da rocha con gravados, así como outros afloramentos que poidan ter gravados para, a continuación, avaliar o seu estado de conservación. Tamén se limparán os soportes e os gravados con materiais e métodos compatibles.
Por último, en todo este proceso documentaranse ambos bens e deseñaranse accións de divulgación mediante visitas comentadas, charlas, obradoiros ou paneis interpretativos.
O alcalde, Jorge Cubela, sinalou que "esta actuación enmárcase dentro das denominadas obras de identidade moi importante das que estamos a levar a cabo na parroquia de San Xurxo de Sacos e súmanse ás levadas a cabo con anterioridade na Laxe dos Cebros e Pedra das Ferraduras (Fentáns); na Laxe das Rodas, en San Xurxo, e Portela da Laxe, no lugar de Atalaia (Viascón), bens arqueolóxicos que forman parte do noso patrimonio histórico e son un legado que temos a obriga de conservar e transmitir para as novas xeracións nas mellores condicións posibles".
Relacionadas:
-
30.000 euros da Axencia Galega de Turismo irán destinados a poñer en valor o Castro da Cividá
Por Redacción |
-
Renovado o interior do Centro de Interpretación do Petróglifos de Mogor
Por Redacción |
-
Campo Lameiro conmemora o Día Europeo da Arte Rupestre
Por Redacción |
-
Organizan visitas guiadas a petróglifos pola noite
Por Redacción |
-
Impulsan unha nova iluminación e unha mellor sinaléctica para os petróglifos de Mogor
Por Redacción |