30.000 euros da Axencia Galega de Turismo irán destinados a poñer en valor o Castro da Cividá
Por Redacción
A Axencia Galega de Turismo, da Xunta, confirmaba a Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, o investimento de 30.000 euros para que se destinen a poñer en valor o xacemento do Castro da Cividá. O obxectivo é que se aproveite turisticamente a través do proxecto promovido polo goberno local.
Esta iniciativa conta cun orzamento de 48.000 euros, con 18.000 euros que se están tramitando a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
A proposta contempla unha escavación nunha zona dividida en dous sectores sobre as sondaxes realizadas previamente e que descubriron restos de interese neste Castro da Cividá, un xacemento pertencente a un poboado fortificado da Idade de Ferro, que permanece en San Xurso de Sacos. Está composto por un recinto de tendencia oval, que presenta unha ampla terraza cara ao norte cunha zona elevada (croa) delimitada por unha muralla na parte superior.
Este espazo presenta unha laxa de granito con gravados rupestres, a denominada Pedra dos Mouros ou tamén coñecida como Eira dos Mouros.
Realizaranse movementos manuais de terra e serán restaurados os elementos estruturais baixo a supervisión arqueolóxica coa fin de respectar escrupulosamente os xacementos sobre os que se actúa.
Nos traballos executarase un rexistro do material arqueolóxico de interese para inventarialo e embalalo para o posterior traslado aos laboratorios coa intención de que se depositen na Dirección Xeral de Patrimonio.
Tamén se sinalizará toda a zona coa instalación de balizas, que permitan o acceso aos visitantes sen afectar o castro.