Rafael Areses volverá acoller feirantes a partir deste sábado 14 de outubro
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
A situación atopábase bloqueada desde hai tres meses cando os feirantes manifestaron a súa intención de continuar instalando o mercado ambulante na Alameda de Pontevedra, ubicación que rexeitaba o goberno local. Este sábado volverán montar os seus postos en Rafael Areses.
Durante a tarde deste martes, Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, técnicos municipais e unha delegación de vendedores da feira, entre os que se atopaba a presidenta Margarita González, mantiveron un encontro para buscar unha solución a este conflito.
Segundo informaba Gulías, finalmente os ambulantes manifestaron o "desexo de montar en Rafael Areses", retomando a situación recollida inicialmente na ordenanza municipal e onde se desenvolvía antes do traslado provisional á Alameda no anterior mandato. A concelleira indicou que asinará unha resolución para establecer, de novo, como localización definitiva dos feirantes a rúa que se atopa na contorna do Recinto Feiral.
A responsable de Mercados explicou que detectara desencontros entre os vendedores durante a reunión na que sinalaban que a proposta alternativa do Concello de situalos na avenida de Bos Aires sería factible se se retirase a mediana. Gulías indicou que o Concello estaría disposto a facer estes cambios a condición de que non se realice un investimento "para montar catro postos e dentro dun tempo pedir outro espazo". Durante dous sábados, o Concello autorizou a venda nesa contorna do mercado que provocou un pulso co colectivo de ambulantes que se manifestou en contra da decisión e xerouse un problema de tráfico en todos os arredores.
A edil explicou que a localización da feira é unha competencia municipal que debe responder a un interese xeral e "por iso é importante buscar a mellor localización", apuntou Anabel Gulías. "Levan moito tempo sen montar e non por culpa deste goberno", insistiu a concelleira indicando que se levou a cabo un proceso de negociación mentres os ambulantes mantiñan "si ou si a Alameda" como instalación definitiva.
Este sábado 14, os feirantes terán a posibilidade de volver montar os seus postos en Rafael Areses tras manifestar o seu desexo de volver a ese espazo, apuntou a responsable municipal. "Tiveron a posibilidade de montar en Rafael Areses durante meses. Volvemos a solución inicial do goberno", engadiu.
MANIFESTACIÓN
Pola súa banda, o colectivo de feirantes, que leva tres meses sen montar os seus postos en Pontevedra, mantén os seus actos de protesta reivindicando a instalación dos seus postos na Alameda.
Este mércores 11 protagonizan unha protesta que partirá, ás 18.15 horas, da ponte de Santiago para finalizar na praza da Peregrina.
Nesta acción escenifican a morte do mercado ambulante cun percorrido liderado por coche fúnebre seguido por vehículos con crespóns negros.
Os ambulantes expoñen que, en todo caso, si instalarán os seus postos en Rafael Areses este sábado porque "temos que traballar".
"Nós estamos a perder moito diñeiro", afirma en declaracións á Radio Galega Margarita González, presidenta do colectivo, para xustificar esta decisión e mantén que seguirán loitando porque a Alameda sexa a súa localización definitiva no futuro e alega que é unha decisión que apoia o PSOE e o PP.
Relacionadas:
-
A feira ambulante dos sábados regresa, seis meses despois, ao punto de partida
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Procesión mortuaria dos vendedores ambulantes para reivindicar a feira na Alameda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Tres meses sen feira en Pontevedra, segundo o PSOE, pola "terquedade" do goberno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Os ambulantes manteñen o pulso e néganse por segunda semana a montar a feira en Bos Aires
Por Diego Espiño |
-
Estrea frustrada da feira na avenida Bos Aires: ocupan a rúa con postos, pero sen venda e colapsan o tráfico
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os feirantes mantéñense firmes na súa postura: "Non renunciamos a estar na Alameda. Nin renunciaremos"
Por Redacción & Mónica Patxot |