A Unidade de Fisioterapia de Tenorio impulsa un programa sobre artrose, "o trastorno máis común do sistema musculoesquelético"
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Sesións educativas e un programa de exercicio terapéutico. Son os dous piares sobre os que se sostén un novo programa terapéutico que promove a Unidade de Fisioterapia de Tenorio para pacientes con artrose de xeonllo e cadeira.
O programa empezará a presentarse no mes de outubro ante os médicos de familia da zona de influencia da Unidade de Fisioterapia de Tenorio para que coñezan en que consiste e para dar a coñecer o tipo de paciente que vai poder ser derivado ao programa.
Semanas antes, o seu responsable, Guillermo Bilbao Ogando, fisioterapeuta desta unidade e profesor asociado en Ciencias da Saúde da facultade de Fisioterapia de Pontevedra, explica o seu contido con motivo do Día Mundial da Fisioterapia, que se celebra este 8 de setembro e este ano está centrado na artrite e a artrose.
Este fisioterapeuta engade que o programa terá un terceiro piar centrado no control de peso en persoas que teñen sobrepeso ou obesidade "porque se sabe que só perdendo un 5% xa poden ocorrer cambios moi importantes na dor".
Bilbao Ogando será o responsable do programa, aínda que se prevé que poida contar con colaboración doutros profesionais para algún dos apartados do programa como persoal de enfermería ou nutrición para o control de peso e outras especialidades alleas ás competencia da fisioterapia.
O apartado educativo do programa busca explicar ao doente que é a artrose, ofrecer ferramentas de autocoidado e "tratar de cambiar crenzas moi arraigadas na poboación que teñen demostrado ser falsas e poden estar freando a recuperación do paciente".
Os pacientes coñecerán que "a artrose é o trastorno máis común do sistema musculoesquelético" e a fisioterapia de atención primaria están considerada "un dos piares fundamentis no manexo deste problema". A artrose de xeonllo e cadeira ocupan a 11 posición en contribución á discapacidade global e a de xeonllo por si soa afecta a 250 millóns de persoas no mundo.
A pesar de ser unha "condición crónica que non ten cura", Bilbao Ogando sinala que existe tratamento para os problemas asociados á artrose coma dor, a rixidez, a limitación da mobilidade, a limitación para realizar actividades do día a día como andar ou subir e baixar escaleiras, os motivos polos que os pacientes adoitan consultar en atención primaria.
O apartado centrado no exercicio terapéutico comezará despois das sesión educativas e vaise realizar presencialmente na unidade durante un período de 6 a 8 semanas, que combina o exercicio cardiovascular co exercicio de forza e mobilidade.
"Os programas de exercicio son recomendación de primeira liña de tratamento de todas as guías de práctica clínica para a artrose", sostén o responsable do programa, que engade que estas guías son os documentos de consenso internacional que determinan cal é o mellor tratamento para cada condición.
Durante moitos anos, explicábase aos pacientes con artrose de xeonllo e cadeira que a enfermidade se debía ao desgaste polo uso e a única opción de tratamento era medicación e/ou cambiar o xeonllo por unha prótese, "como se fose unha roda vella dun coche".
Nembargantes, o fisioterapeuta lembra que "a ciencia ten demostrado que os programas de exercicio son tan efectivos ou máis que a medicación con moitos menos riscos para a saúde", con maiores beneficios para outros problemas de saúde que adoitan acompañar á artrose e cun custo moito menor para as arcas públicas.
Relacionadas:
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O conselleiro de Sanidade destaca no Virxe Peregrina a importancia da fisioterapia para moitas doenzas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |