Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot
O pasado 20 de maio concluían dúas semanas de loita de Tamara Campos para se lle recoñecese o dereito de acompañar o seu bebé lactante nas sesións semanais de fisioterapia no servizo de Atención Temperá do Hospital Provincial de Pontevedra. Esta nai pontevedresa lograba que lle permitisen estar presente na sala na que o seu bebé era asistido.
Nese momento, foi unha vitoria agridoce, como se recollía na crónica de PontevedraViva: mentres a Tamara lle permitían acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé, presenciaba como a outra nai lle denegaban acompañar ao seu fillo durante o tratamento no mesmo servizo.
Esta incidencia e as numerosas chamadas que recibiu de nais que viviran a mesma situación, levou á creación da 'Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes da Área Sanitaria Pontevedra - Salnés'.
Baixo o nome de 'Loita', esta plataforma cidadá visibilízase a través dun grupo de Facebook no que se van ir recollendo todas as demandas e testemuños relacionados con situacións nas que non se lle permitiu a ningún dos pais ou titores acompañar a un menor durante un tratamento médico.
A Plataforma demanda que se cumpra o protocolo de acompañamento familiar do paciente pediátrico
Nesta páxina pódese acceder ao documento de Acompañamento familiar do paciente pediátrico, elaborado polo Servizo Galego de Saúde en novembro de 2022 e que tamén se pode descargar na propia web do Sergas, que indica entre os seus obxectivos "Favorecer que no transcurso da hospitalización ou asistencia en servizos de urxencias ou de atención primaria, a nena ou o neno menor de 14 anos permaneza acompañado pola nai/pai/titor ou familiar designado".
Outro punto deste documento incide no obxectivo de "Garantir o cumprimento deste Protocolo nos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde", un aspecto que denunciaba a propia Tamara Campos ao comprobar que no servizo de Atención Temperá de Vigo si permitían que os bebés recibisen o seu tratamento acompañados, mentres que en Pontevedra este dereito non se garantía.
Estas demandas esperan poder transmitirllas en persoa á Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Para iso, esta mesma semana enviaban unha carta certificada, da que xa lles consta que foi recibida, para solicitar unha reunión co xerente José Flores.
Queren que se garanta o cumprimento do protocolo de Acompañamento familiar do paciente pediátrico na Área Sanitaria de Pontevedra y O Salnés, tal e como expresa o propio documento publicado polo Sergas. Aínda que esta demanda comezou tras impedir o acompañamento nas sesións de fisioterapia do servizo de Atención Temperá, ao que asisten menores de entre 0 e 6 anos, as reclamacións da Plataforma cidadá esténdense ata a adolescencia, a idades nas que o menor tamén ten dereito a estar acompañado.
O colectivo vai solicitar ao Hospital Provincial información sobre o acompañamento do menor antes e despois de operacións cirúrxicas
Tamara Campos, como portavoz da Plataforma, explica que tamén van solicitar ao Hospital Provincial información sobre o acompañamento do menor antes e despois de operacións cirúrxicas. "Hai moitos hospitais de Galicia nos que se deixa acompañar aos menores cando hai unha operación, están con eles ata o momento en que se durmen. Hai estudos científicos conforme é beneficioso para os menores acompañalos ata o momento en que lle fai efecto a anestesia, que se quedan durmidos, coa súa figura de apego ao lado, e espertarse con esa figura de apego ao lado. Entón queremos saber cal é a postura do Hospital de Pontevedra, porque segundo o protocolo do Sergas de novembro de 2022 debería ser que si estean acompañados".
A Plataforma está aberta tanto a nais como a pais, aínda que na denominación se aluda ás nais por unha cuestión práctica. "Aínda que os pais tamén se preocupan por acompañar aos menores, nos partos as que participamos activamente somos as nais, e como somos todas mulleres as que constituímos inicialmente a plataforma, moitas das experiencias das que falamos estaban relacionadas cos partos e con violencia obstétrica, ao final decidimos poñer as nais no nome".
Ao bebé de Tamara só lle queda unha sesión dentro dun mes para rematar o seu tratamento. Con todo, esta nai manifesta que continuará coas súas demandas, especialmente tras escoitar o testemuño de nais que levaban un ano reclamando sen conseguir avances e "a semana pasada xa lles deixaron entrar á sesión de fisioterapia para acompañar ao seu neno, algo está cambiando".
Para evitar estes atrasos en obter unha solución, dende a Plataforma informan de que na páxina de Facebook van subir proximamente modelos de reclamación xenéricos para abranguer as principais situacións coas que se poden atopar os proxenitores ou titores que queren facer valer o dereito do paciente pediátrico a estar acompañado durante a hospitalización ou tratamentos médicos.
Relacionadas:
-
A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial
Por Anxo Lourido |
-
Obras na unidade de atención temperá do Provincial obrigan a trasladala a Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita |
-
A Unidade de Fisioterapia de Tenorio impulsa un programa sobre artrose, "o trastorno máis común do sistema musculoesquelético"
Por Natalia Puga |
-
"Queremos que Marina siga sendo titora das nosas crianzas", berro reivindicativo no colexio Manuel Vidal Portela
Por Redacción |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Anulada a cita media hora antes, un novo capítulo para a nai que reclama acompañar o seu bebé na sesión de fisioterapia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Torrente de reaccións á denuncia dunha nai por non permitirlle acompañar o seu bebé nunha sesión de fisioterapia
Por María José Pita |