Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita
Co antecedente de terlle denegado o acceso á sesión de fisioterapia do seu bebé lactante e anularlle a seguinte cita media hora antes por causa da baixa da profesional asignada, Tamara Campos achegábase este venres 19 de maio ao Hospital Provincial de Pontevedra minutos antes das tres da tarde para acudir á sesión fixada para esta data e esta hora.
Nesta ocasión, e unha vez mobilizadas as redes sociais pola denuncia pública que realizou a través dun escrito publicado en PontevedraViva, varias decenas de persoas agardaban no exterior do aparcamento do Hospital Provincial que dá acceso ao servizo de Atención Temperá. Familiares, amigos e representantes da Asociación de Mulleres de Vilaboa e do Colectivo Feminista de Pontevedra recibían a esta familia residente en Monteporreiro e mostrábanlle publicamente o seu apoio nas súas reivindicacións.
"Convocamos esta concentración en apoio a Tamara, que é compañeira nosa de Vilaboa e unha persoa moi querida que traballa con rapaces desde hai moitos anos. Cando soubemos do caso sentímonos inmediatamente increpadas para respostar na súa defensa. E como nais sentímonos totalmente identificadas. Nós sabemos que hai moitas profesionais que traballan ben pero tamén queremos pór de manifesto que as cousas poden cambiar. Porque os protocolos non poden ser caixóns de xastre onde dicir ás familias que non. Teñen que ser abertos para explicar con claridade e que as familias tamén nos sintamos incluídas nos procesos dos menores. Non porque nós o digamos, senón porque o recolle a lei, o din as Nacións Unidas ratificado por España, o di o Sergas na lei de atención sanitaria ao menor... Así que estamos aquí para reclamar estes dereitos", manifesta Lucía Arosa, membro do equipo directivo da Asociación de Mulleres de Vilaboa.
Visiblemente emocionados, ás 14:50 os pais do bebé de 8 meses agradecían o apoio e encamiñábanse ata o interior das instalacións sanitarias. Foron dez minutos de incerteza ata que, pasadas as 15:00 horas, Jorge Abal, o pai do bebé, atravesaba o aparcamento do Hospital Provincial cara ao exterior arrastrando o carriño baleiro e cun aceno baixo a máscara que indicaba que finalmente lle permitiran o acceso á súa parella á sesión de fisioterapia do seu bebé.
"Acompañei a Tamara ata a porta co carriño, viñérona recoller, colleu ao bebé e xa a deixaron entrar", explicaba con emoción contida Jorge Abal.
Ante a pregunta de como viviron estas semanas, Abal só arrincaba un xesto dando a entender que foran moi duras pero que pagara a pena polo resultado. "Creo que ten que cambiar esto, non que sexa só nunha ocasión, creo que todos os nenos deberían ter un referente, pai, nai ou titor, para que estea con eles, que estean máis tranquilos", comentaba o pai mentres agardaba o remate da sesión de fisioterapia do seu fillo.
Jorge Abal é cauto neste tema, pero confía en que o protocolo que impide que en determinadas sesións de fisioterapia o menor estea acompañado poida cambiar, xa que o persoal do servizo de Atención Temperá comunicoulles que a próxima semana, "luns ou martes, dixéronnos", ían ter unha reunión para estudar a situación.
Malia esta satisfacción polos avances conseguidos, a do venres 19 de maio foi unha vitoria agridoce, xa que mentres a Tamara lle permitían acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé, ambos pais presenciaron como a outra nai denegábanlle acompañar ao seu fillo durante o tratamento no mesmo servizo de Atención Temperá.
Por iso, agardan que a próxima semana se produza un cambio para dar resposta a esta situación que, tanto estes pais como os colectivos que se concentraron ás portas do Hospital Provincial, aseguran que é anómala.
Relacionadas:
-
Obras na unidade de atención temperá do Provincial obrigan a trasladala a Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Unidade de Fisioterapia de Tenorio impulsa un programa sobre artrose, "o trastorno máis común do sistema musculoesquelético"
Por Natalia Puga |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Anulada a cita media hora antes, un novo capítulo para a nai que reclama acompañar o seu bebé na sesión de fisioterapia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Torrente de reaccións á denuncia dunha nai por non permitirlle acompañar o seu bebé nunha sesión de fisioterapia
Por María José Pita |