28M | O PSOE de Poio quere aprobar un novo PXOM e favorecer a mobilidade con novas áreas de aparcamento
Por Oskar Viéitez
O candidato socialista á Alcaldía, Gregorio Agís, asegura que priorizará a aprobación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que sexa unha realidade no primeiro ano de mandato.
A través desta actuación o que se pretende é cumprir cun dos principais eixos para a candidatura liderada por Agís: "xerar novos solos de desenvolvemento comercial, de equipamentos e planificando un urbanismo de calidade capaz de dotar a Poio dos espazos verdes, dos equipamentos e dos servizos que necesita, ademais de novas prazas de estacionamento".
O alcaldable sinala que a aprobación do novo PXOM será un paso máis nas xestións e no traballo que o propio Agís vén desenvolvendo á fronte da Concellería de Urbanismo.
Precisamente esta semana a Comisión Informativa de Urbanismo constatou o informe favorable para a admisión a trámite da proposta de modificación puntual do PXOM co fin de acometer melloras nun solar de Raxó. Gregorio Agís promoveu esta iniciativa con fin de mellorar a calidade dos espazos e dotacións públicas da contorna, mellorar a accesibilidade e a conectividade, e sobre todo dotar de zonas de estacionamento reguladas ao municipio, un dos principais problemas da vila.
"Pero queremos ir máis alá e a aprobación dun novo Plan buscará resolver de forma eficaz, dilixente e definitiva estas carencias" co obxectivo de "corrixir os erros do plan actual, reforzando os núcleos existentes, ampliando o seu ámbito e axustando os viais á súa realidade física", explica o candidato socialista.
PONTE DA BARCA
A candidatura socialista insistiu este mércores no seu "posicionamento de sempre, ante o bulos que tentan confundir e crispar" recordando que o pasado mes de xaneiro o goberno local de Poio aprobou un proxecto para remitir a Xunta que mantén os dous carrís na ponte da Barca.
MÁIS ESTACIONAMENTO
A dotación de espazos para estacionar sería outra das grandes prioridades do mandato que aspira a liderar o candidato do PSdeG-PSOE.
Os socialistas lembran que foron os que xestionaron a dotación de aparcadoiros disuasorios, "xa operativos e consolidados", en lugares como o Camiño das Bocas de San Salvador, Campelo ou Raxó, entre outros lugares. Todo isto, remata Agís, "sen esquecer a folla de ruta xa consolidada no que se refire á recuperación de núcleos tradicionais".
"A través dos máis de 6 millóns de euros que captamos para o Concello de Fondos Europeos e da propia Deputación, conseguimos facer diferentes proxectos moi relevantes como foi o caso da Seara, Casal ou Xuviño, que está agora en execución cunha inversión importante, Lameiriña, Caneliñas, Saíñas, Porto Santo, A Puntada ou As Viñas", cita Gregorio Agís.
A candidatura de Gregorio Agís promete concluir actuacións xa iniciadas en puntos como Chancelas, Camiño da Bouza, Camiño da Fonte ou nos espazos públicos e do parque infantil, onde se empregarán Fondos Europeos, ao igual que na conexión de Chancelas con Combarro, creando un carril bici e unha senda peonil no Camiño Real.
Relacionadas:
-
28M | Agís pecha a campaña ofrecendo un proxecto "integrador, de cambio e modernización" para Poio
Por Redacción |
-
28M | "As nosas siglas son Poio", afirma o candidato do PSOE á Alcaldía, Gregorio Agís
Por Oskar Viéitez |
-
28M | Regades confirma en Poio que o polígono de Fragamoreira é unha prioridade para a Zona Franca
Por Redacción |
-
Avanza a modificación do PXOM de Poio para dotar a Raxó dunha nova praza pública
Por Redacción |
-
28M | Gregorio Agís presenta 132 iniciativas transformadoras para Poio co aval da súa xestión
Por Oskar Viéitez |
-
28M | O ministro Iceta aplaude as "ideas clarísimas" do PSOE de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
28M | O Goberno declara a urxente ocupación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR de Paxariñas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |