28M | Regades confirma en Poio que o polígono de Fragamoreira é unha prioridade para a Zona Franca
Por Redacción
Gregorio Agís, candidato socialista á alcaldía de Poio, e o delegado da Zona Franca e secretario provincial do PSdeG, David Regades, visitaban este martes a contorna de Fragamoreira para lembrar que o polígono empresarial é unha prioridade para a Zona Franca.
"Temos en marcha un estudo para impulsar o desenvolvemento desta zona, na que vemos unha oportunidade, polas boas comunicacións e a demanda existente nesta zona de solo empresarial", apuntou David Regades, delegado da Zona Franca.
Agís tamén indicou que ten moi clara a folla de ruta para impulsar e dinamizar o polígono de Fragamoreira e entende que no próximo mandato será un dos "principais motores económicos e dinamizadores" do municipio, despois do acordo que se lograba coa Zona Franca para que acometa o desenvolvemento dun espazo que ofrece máis de 400.000 metros cadrados, dos que 250.000 se destinarán a actividade empresarial.
O PSdeG-PSOE de Poio impulsou en abril unha moción, que foi aprobada pola corporación municipal, na que o Concello solicitaba a Xestur, organismo da Xunta de Galicia, o traspaso da titularidade de competencias sobre o polígono empresarial. Agís sinala que, desta forma, "acabaremos con preto de 20 anos de inacción por parte da Xunta de Galicia, que non quixo ou non soubo impulsar a urbanización de Fragamoreira, a pesar de ser a súa responsabilidade".
Agís prometeu que, se conta co apoio veciñal o vindeiro domingo 28, este espazo será prioritario para o novo goberno, dotándoo de servizos básicos, dos que tamén se verán beneficiados núcleos próximos.
O candidato socialista considera "primordial e indispensable" contar con solo industrial que ofreza un impulso á actividade empresarial en Poio, pero tamén ten claro que Fragamoreira, unha vez que Xestur traspase a xestión, debe acoller equipamentos municipais, entre os que se atopa a escola infantil e zonas verdes.
Gregorio Agís considera que o desenvolvemento de Fragamoreira suporá un "antes e un despois para o noso concello" coa idea de que pase a converterse nun motor que garantirá o crecemento económico e social de Poio.
O líder do PSdeG-PSOE en Poio afirma que non permitirá que máis empresas locais teñan que marcharse do concello para crecer, como sucedeu con Froiz, "por culpa da inacción da Xunta e a complicidade do candidato do PP, Ángel Moldes, que fixo todo o posible para bloquear este proxecto mentres na Xunta de Galicia gobernaba o bipartito e que se esqueceu da súa plataforma de afectados en canto o Partido Popular pasou, hai 14 anos, a presidir a Xunta".
Agís asegura que non se pode perder máis tempo para fomentar a actividade económica a través desta zona empresarial.
Relacionadas:
-
28M | Agís pecha a campaña ofrecendo un proxecto "integrador, de cambio e modernización" para Poio
Por Redacción |
-
28M | "As nosas siglas son Poio", afirma o candidato do PSOE á Alcaldía, Gregorio Agís
Por Oskar Viéitez |
-
28M | O PSOE de Poio quere aprobar un novo PXOM e favorecer a mobilidade con novas áreas de aparcamento
Por Oskar Viéitez |
-
28M | Gregorio Agís presenta 132 iniciativas transformadoras para Poio co aval da súa xestión
Por Oskar Viéitez |
-
28M | "Xerar riqueza, benestar e calidade de vida", a aposta de Gregorio Agís para ser alcalde de Poio
Por Redacción |
-
Poio solicitará a transferencia do polígono de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez |
-
Zona Franca ofrece un estudio técnico para impulsar a creación do polígono empresarial de Fragamoreira
Por Redacción |