Avanza a modificación do PXOM de Poio para dotar a Raxó dunha nova praza pública
Por Redacción
O Concello de Poio continúa a cubrir coa tramitación necesaria para acometer unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para delimitación do polígono 20 de solo urbano non consolidado en Raxó.
Trátase dunha actuación que, tal e como consta nos informes técnicos, pretende levarse a cabo toda vez que servirá para mellorar a calidade dos espazos e dotacións públicas da contorna, ao tempo que se mellora a accesibilidade e a conectividade das vías de titularidade municipal e a ordenación do tráfico e tránsito viario e peonil no núcleo da parroquia.
Este foi un dos temas abordados na Comisión de Urbanismo deste martes, na que se constatou o informe favorable para a admisión a trámite da devandita proposta de modificación.
Tal e como recorda o edil responsable da área, o socialista Gregorio Agís, a delimitación abrangue unha parcela que é propiedade do Arzobispado de Santiago de Compostela. Precisamente, foi a entidade relixiosa a encargada de presentar unha proposta que acaba de recibir o visto bo da técnica municipal.
Agís subliña que esta actuación urbanística servirá, entre outras cousas, para rematar a conexión que xa está establecida entre a Rúa Igrexa e a Rúa Leopoldo Nóvoa García, así como a organización e integración dos espazos verdes públicos resultantes nunha ladeira con pendente pronunciada.
Ademais, o concelleiro de Urbanismo salienta que tamén se contempla a realización dun espazo aberto ao público que vincule os equipamentos existentes, coa zona verde establecida no PXOM. Así, o Concello contempla a creación dunha nova praza pública que servirá para resolver a pendente pronunciada, a través de escalinatas e ramplas peonís, así como unha zona de lecer que se dotará de arborado e mobiliario urbano.
Gregorio Agís incide en que esta actuación "servirá para mellorar a calidade de vida dos espazos públicas, así como a accesibilidade e a mobilidade no núcleo da parroquia de Raxó".
Relacionadas:
-
Poio modificará o PXOM para actualizar as súas normas urbanísticas
Por Redacción |
-
28M | Agís pecha a campaña ofrecendo un proxecto "integrador, de cambio e modernización" para Poio
Por Redacción |
-
28M | O PSOE de Poio quere aprobar un novo PXOM e favorecer a mobilidade con novas áreas de aparcamento
Por Oskar Viéitez |
-
Samieira, Raxó e Chancelas estrean 500 luminarias led
Por Redacción |
-
A remodelación das pistas de Monte Baldío, pendente das autorizacións sectoriais