O Sergas incluirá o servizo de pediatría de Moraña e Cuntis na convocatoria de prazas de difícil cobertura

Por Redacción
A convocatoria de prazas de profesionais sanitarios de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará a Xunta de Galicia nas vindeiras semanas incluirá unha praza de pediatría que dará servizo aos centros de saúde de Cuntis e Moraña.
Así o anunciaron este xoves o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, con motivo dunha visita ao centro de saúde de Santa Lucía. Estiveron acompañados polo alcalde de Moraña, José Cela.
O delegado territorial explicou que Galicia está a actuar "co máximo enxeño e esforzo", tanto normativo como económico, para ser a primeira comunidade que adopta e consegue solucións fronte á falla de médicos de atención primaria e de pediatras que afecta a toda España. Engadiu que o Sergas está a conseguilo "paseniñamente" con diversas medidas, entre as que figuran estes "novidosos" concursos de méritos e outras medidas que están a negociar cos profesionais.
López insiste en que, para a Xunta, "o máis importante é darlle a cobertura sanitaria axeitada aos galegos" e asegura que cada vez hai máis prazas de médicos cubertas, en contraposición co que pasa no resto de comunidades.
Tamén quixo adiantar que seguirán con estas actuacións e "non imos parar ata fortalecer ao máximo a atención primaria para ser a primeira rexión de España que supera esta difícil situación".
Esta convocatoria de máis de 400 prazas de difícil cobertura realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
Esta lei ampliou a experiencia do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 21 incorporáronse en centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Relacionadas:
-
Flores, xerente da área sanitaria, discrepa dos colexios médicos e expón que o XIDE é unha "ferramenta útil"
Por Redacción |
-
A baixa dos dous pediatras do Centro de Saúde de Bueu provoca unha reorganización das consultas
Por Redacción |
-
A xerente do Sergas reúnese con profesionais da Atención Primaria para mellorar a situación sanitaria en Vilaboa
Por Alba Feijoo Alonso |