Investigan unha persoa que provocou un incendio por unha tala dun eucalipto sen as debidas medidas de seguridade
Por Redacción
Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica da xefatura provincial de Pontevedra, en colaboración con axentes ambientais do distrito forestal XIX Caldas- O Salnés da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 18 de febreiro no concello de Vilanova de Arousa.
O lume rexistrouse na parroquia de Tremoedo e afectou 0,61 hectáreas de superficie arborada e 0,30 hectáreas de monte raso.
A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado por unha tala sen as debidas medidas de seguridade por parte da persoa que a estaba a realizar. Nunha primeira inspección ocular, os axentes da Policía Autonómica comprobaron que as lapas se iniciaran pola tala e caída dun eucalipto sobre o tendido eléctrico de alta tensión que discorre polo lugar, producíndose un curtocircuíto.
Unha vez delimitado o punto de inicio do lume, os axentes comprobaron que a tala se realizara sen cumprir as normas básicas de seguridade.
A Policía Autonómica remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Vilagarcía de Arousa.
Trátase da cuarta persoa investigada pola Policía Autonómica na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.