Crean un roteiro patrimonial para coñecer a historia da parroquia de Santa María de Xeve
Por Anxo Lourido
Durante esta semana está a concluír a instalación de elementos de sinalización, con marcadores do trazado e paneis informativos, no novo roteiro circular de 5,7 quilómetros que percorre elementos de importancia patrimonial na parroquia de Santa María de Xeve.
Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, presentaba coa concelleira do Rural Pilar Comesaña e o representante da asociación cultural Sondexeve, Manuel Hermida, este novo espazo que xa estará dispoñible para visitantes durante esta fin de semana. Tamén está prevista unha pequena inauguración durante o sábado 4 de marzo en horario matinal.
A idea de crear este novo roteiro xurdiu cando desde o Concello comezaron a tratar coa asociación cultural a preocupación existente sobre o patrimonio histórico e cultural da parroquia. Un patrimonio que Moreda definiu como "inmenso" e explicou que Verducido, Santo André e Santa María "os tres Xeves" ofrecen diferentes tipos de elementos patrimoniais correspondentes a varias épocas históricas con numeroso material etnográfico e relixioso.
A intención é poñer en valor estes espazos a través da súa utilización para fomentar a conservación do patrimonio. Desde o Concello, afirmaba Xaquín Moreda, buscan a implicación veciñal e, desta forma, a asociación colaborará no mantemento dos sinais e paneis informativos instalados ao longo do percorrido e tamén alertará no caso de que se observe algún indicador deteriorado.
O roteiro ofrece unha dificultade baixa e nos paneis informativos mostraranse datos sobre os elementos patrimoniais que se atopan durante o traxecto. O percorrido iníciase na igrexa de Santa María; pasa por Torre Vella; o pazo de Gondar; o cárcere de Gondar; o miradoiro da Pedreira; A Forca; a Casa da Audiencia; as pedras de Becerral; o Outeiro do Castro; o miradoiro de Outeiro Vello; o cruceiro de Regueiro; o muíño vello; a casa dos Monteagudos; a casa de Sancristana; a casa antiga do Concello e con volta á igrexa de Santa María.
Manuel Hermida explicaba a importancia deste investimento para que se coñeza o rural xunto ao seu patrimonio e lembrou que durante esta "viaxe pola historia" observaranse desde petróglifos a castros e mámoas, nun escenario de gran riqueza ambiental.
A intención do Concello é, segundo avanzou o concelleiro, crear outros proxectos semellantes en diversas parroquias pontevedresas co obxectivo de que se coñezan fomentando as visitas.
Relacionadas:
-
Comezan as visitas guiadas aos petróglifos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Santa María de Xeve estrea o seu novo roteiro que pon en valor os elementos patrimoniais e históricos da parroquia
Por Redacción |
-
Poñen en marcha novos "Roteiros Saudables" en Pontevedra para combater o sedentarismo
Por Redacción |
-
Xeve recupera o harmonio centenario da súa igrexa parroquial
Por Redacción |