Poñen en marcha novos "Roteiros Saudables" en Pontevedra para combater o sedentarismo
Por Redacción
A Asociación Española Contra o Cancro, coa colaboración do Concello de Pontevedra, pon en marcha de novo os seus "Roteiros Saudables", unha iniciativa dirixida ás persoas sedentarias pero aberta a toda a poboación co obxectivo de acabar co sedentarismo fomentar hábitos de vida sans.
Esta cuarta edición comezará o próximo 23 de febreiro e desenvolverase durante un total de 12 semanas, con distintos itinerarios pola cidade que se irán alternando, incluíndo as Xunqueiras de Alba, o Río Gafos, a Avenida de Marín, Illa dás Esculturas e o Miradoiro de Monteporreiro.
A técnica de Prevención da Asociación Española Contra o Cancro e coordinadora da iniciativa, Rebeca Castro, explicou que, co obxectivo de garantir a participación e a adherencia á actividade "farase entrega a cada participante, ao comezo, un pasaporte para ir selando cada roteiro ao que asistan".
Haberá dous grupos: os xoves, ás 10.30 e ás 17.00 horas. A duración prevista para esta actividade semanal é de hora e media aproximadamente, e será guiada sempre por unha persoa voluntaria.
Virginia Álvarez, unha das dinamizadoras dos roteiros, recoñece que "ao principio pode dar preguiza o propoñerse saír a camiñar, sobre todo se se é unha persoa sedentaria. Pero co paso dos días o teu corpo xa cho pide e se non vas algún día, bótao en falta".
"Algúns usuarios sorpréndense de que esta actividade forme parte da Asociación e acáballes gustando tanto que se converten en voluntarios, non só de Roteiros Saudables, senón tamén doutros tipos de voluntariado da Asociación", engade.
Esta actividade é unha iniciativa gratuíta, con prazas limitadas e aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nesta actividade beneficiosa para a saúde.
As persoas interesadas deberán inscribirse previamente, ata completarse as prazas, no teléfono gratuíto e 24 horas, 900 100 036 ou de maneira presencial na sede da Asociación en Pontevedra na rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo.
Relacionadas:
-
Crean un roteiro patrimonial para coñecer a historia da parroquia de Santa María de Xeve
Por Anxo Lourido |
-
Francisco J. Rodríguez, paciente oncolóxico: "Son o nome e o apelido dunha cifra á que ninguén quere ver"
Por Álvaro Arosa Barco & Mónica Patxot |
-
Unha boa causa ben vale un baño frío
Por Redacción |
-
Abre o mercado solidario da AECC co obxectivo de "recadar un pouquiño máis que o ano pasado"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |