A visibilización e empoderamento da muller protagonizan o inicio do ano na UNED de Pontevedra
Por Redacción
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra comezará o ano 2023 cunha serie de actividades e iniciativas formativas que terán como epicentro a visibilización da muller e as dificultades que ao longo da historia tiveron para empoderarse e situarse na sociedade. Estas accións formativas forman parte do amplo programa de actividades que servirán para conmemorar o 50 aniversario da UNED.
Así, a partir do 12 de xaneiro abordarase o papel das “Mulleres enloitadas no século XXI. Testemuños e traballo de campo”, que contará coa exposición itinerante “A saia raíña”, unha mostra que recolle os testemuños audiovisuais das informantes galegas que aínda gardan loito permanente na primeira e segunda década do século XXI.
En formato fotografía e proxección audiovisual, “A saia raíña” é unha exposición etnográfica que percorreu xa as cidades de Vigo (Casa das Artes) , A Coruña (Centro Ágora e Biblioteca Municipal), Sada (Capela San Roque-galería de arte e cultura), A Guarda, Casa dos Alonso e Concello, e continuará a súa itinerancia dentro e fóra de Galicia.
O estudo de investigación realizado editarase en formato libro como monografía do loito, a súa autora , María Rita Mais Ibáñez, poeta e etnógrafa audiovisual, mostrará os resultados recolleitos comparando a historia, costume, protocolo e evolución do loito, e tamén explicará a maneira de manual, como realizou as fotografías, gravacións audiovisuais, toma de rexistros, contactos, e montaxe do seu traballo de campo, revelando así a metodoloxía utilizada pola autora ata poñer a información obtida tanto ao alcance daquelas persoas que van emprender un proxecto de traballo de campo, como ao público en xeral.
A presentación desta actividade correrá a cargo do director do Centro Asociado en Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, Víctor M. González Sánchez, e contará coa presenza de María Rita Mas Ibáñez, etnógrafa audiovisual, poeta, colaboradora en prensa e publicista.
Esta actividade está dirixida ao público en xeral, especialmente a estudantes de antropoloxía, socioloxía e historia e, entre os obxectivos que se perseguen está o expoñer a evolución do costume do loito implantada a partir do século XV e como se entende e se garda na actualidade.
Tamén se mostrarán testemuños recolleitos no traballo de campo e posteriormente realizar unha exposición audiovisual que achegue a antropoloxía ao público en xeral. Ademais darase a coñecer ás novas xeracións un costume que gardaron as súas avoas e bisavoas e cales eran as consecuencias sociais máis aló da iconografía.
Durante esta xornada, mostrarase a desigualdade existente nas lexislacións, os costumes e o comportamento durante o período de enloitamento, que claramente desfavorecía ás mulleres fronte aos homes.
AS SILENCIADAS. SENTIDO E SENSIBILIDADE NA ARTE
Outra das actividades que ofrecerá a UNED en Pontevedra será o curso titulado “As silenciadas. Sentido e sensibilidade na arte”, que se desenvolverá do 16 de xaneiro ao 27 de marzo, os luns entre as 18 e as 20 horas.
Este curso estará a cargo de José María Leal Bóveda, licenciado en Xeografía e Historia, máster en Xestión do Patrimonio Cultural e investigador externo da Universidade de Santiago de Compostela e está dirixido ao público en xeral.
Como obxectivos marcados para esta actividade figuran o efectuar unha aproximación obxectiva e crítica a unha obra de arte; arquitectura, escultura, pintura, artes menores; coñecer cal foi a imaxe da muller transmitida ao longo da Historia da arte; descubrir a transgresión desta actitude nas artistas das diferentes épocas, en especial a partir do século XIX e coñecer o tratamento dado na Historia da arte aos cinco sentidos corporais.
Ademais preténdese expoñer a visión misógina da Historia da arte desde a Antigüidade ata a actualidade, coñecer as causas que provocaron tal mirada masculina, o papel real que xogaron as mulleres na Historia da arte, descubrir aos seus protagonistas nas súas obras, expoñer as carencias de obras de autoría feminina nos principais museos do mundo e reivindicar o papel desempeñado pola muller na Historia da arte.
MUJERES ESPONTÁNEAS. A SEXUALIDADE FEMININA FEITA PÚBLICA
A terceira actividade que poñerá en marcha a UNED coa muller como tema central é “Mulleres espontáneas. A sexualidade feminina feita pública”, un curso que terá lugar do 3 de marzo ao 19 de maio, con 20 horas lectivas, que se impartirán todos os venres de 18 a 20 horas con José Leal Boveda como relator.
Este curso pretende dar a coñecer as características da sexualidade feminina, e de todo o derivado dela, a través da documentación notarial nos séculos XVIII-XIX; mostrar os mecanismos de control social da sexualidade feminina por parte dos estamentos privilexiados da sociedade estamental; visibilizar as estratexias femininas de legalización do resultado da sexualidade “ilegal”, fóra do matrimonio.
Ademais poderanse coñecer as distintas facetas da sexualidade feminina; consentida, violenta e as súas manifestacións; estudar diferentes casos en distintas comarcas galegas e realizar unha visión crítica e denunciar a violencia exercida contra as mulleres.
Relacionadas:
-
A UNED celebrará o 8M cun gran acto de empoderamento e homenaxe ás mulleres do mar
Por Redacción |
-
O CIM de Marín atendeu desde 2013 máis de 8.000 consultas de 954 mulleres
Por Redacción |
-
A UNED organiza un curso para aprender a escribir guións de cinema
Por Redacción |
-
Unha maxistrada especializada en violencia sobre a muller, un fiscal xefe e unha avogada participan nun coloquio sobre a Lei do "Só si é si" na UNED
Por Redacción |
-
A UNED e o sindicato SUP colaborarán en actividades científicas e culturais
Por Redacción |
-
A UNED inaugura un novo curso apelando á necesidade de visibilizar á muller
Por Redacción |