O CIM de Marín atendeu desde 2013 máis de 8.000 consultas de 954 mulleres
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Marín atendeu desde 2013 un total de 8.250 consultas de 954 mulleres, a maior parte delas entre os 25 e os 54 anos de idade que requiriron, sobre todo, información no eido do asesoramento xurídico (1.661) ou de violencia de xénero (1.401).
Estes datos foron facilitados pola Xunta de Galicia no transcurso da visita que a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo este venres as dependencias do CIM de Marín.
Nesta visita a conselleira anunciou a apertura do prazo das novas axudas por 734.000 euros convocadas pola Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas e equipamento destes recursos que, segundo indicou, son fundamentais na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.
Lorenzana destacou como valor dos CIM a proximidade coa que artellan intervencións globais dirixida especificamente ás mulleres. Remarcou, así, o seu labor na prestación de servizos multidisciplinares como asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e socioloaboral, entre outros.
A titular de igualdade subliñou, na mesma liña, "a importancia da rede de recursos creados entre os concellos, a Administración autonómica e as entidades sociais para atender ás mulleres, para conseguir ir eliminando a violencia de xénero e seguir traballando con todas as mulleres de Galicia".
O Goberno galego convocou o pasado venres unha nova liña de axudas, co prazo de solicitude aberto ata o próximo 27 de febreiro, para que estes centros de xestión municipal poidan solicitar axudas para a conservación, a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o equipamento. Tal e como detallou, a liña dotada con 734.000 euros prestará apoio ás entidades locais titulares dos CIM con achegas de ata 16.640 euros.
Galicia conta na actualidade con 84 centros que dan cobertura de maneira universal e gratuíta a 193 concellos, o 61,7% do total na comunidade. O propósito do Goberno galego segue sendo ampliar esta Rede e esta cobertura ao 100% da xeografía galega para que ningunha muller se sinta desamparada e conte con servizos de axuda o máis preto posible do seu fogar, remarcou a conselleira.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballa coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para perfilar melloras para a Rede de centros que operan en Galicia e para as súas profesionais que, como destacou Lorenzana, desenvolven o seu traballo con "eficacia e con empatía".
A Xunta, así, seguirá a ofrecer formación especializada e continuada a todas as profesionais para brindar a mellor atención posible ás usuarias e de estender a cobertura dos centros a todos os puntos do territorio galego.
Lorenzana rematou remarcando a importancia de que concellos como o de Marín formen parte da Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, e que conten con mesas locais de coordinación interinstitucional contra esta lacra, que permiten amplificar os recursos para as mulleres e para as vítimas en toda Galicia.
Relacionadas:
-
'A memoria das mulleres' promociona catro podcast para disfrutar paseando pola cidade
Por Redacción |
-
A visibilización e empoderamento da muller protagonizan o inicio do ano na UNED de Pontevedra
Por Redacción |
-
Un mapa permitirá coñecer a pegada da Memoria das Mulleres nas rúas da cidade
Por Anxo Lourido |
-
O CIM de Sanxenxo realizou 124 atencións a vítimas de violencia de xénero neste 2022
Por Redacción |