Reposición urxente do servizo de Pediatría na Illa de Arousa, petición do alcalde a García Comesaña
Por Redacción
Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, enviou nas últimas horas un escrito ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no que lle reclama unha reunión urxente para tratar a situación actual do Centro de Saúde do municipio e a data de reposición do servizo de pediatría.
O rexedor considera unha "nova discriminación da Xunta" que os escolares se vexan obrigados a desprazarse a Cambados para acceder á consulta dun especialista en enfermidades infantís.
O goberno local cualifica de "insostible" a precariedade actual da Atención Primaria no municipio e explica que o Centro de Saúde durante toda a semana foi atendido por un só facultativo, obrigando a cancelar todas as citas médicas non urxentes e as especialidades.
Lembra que na Illa esta situación de "precariedade" remóntase a dous anos atrás cun número insuficiente de facultativos e a falta de cobertura durante as baixas por enfermidade e vacacións do persoal médico. A iso hai que sumar a suspensión da consulta de pediatría que está a causar malestar social.
Carlos Iglesias no escrito móstralle tamén a preocupación de que por falta de facultativos nas consultas resulte máis difícil a detección e a atención de patoloxías clínicas e, no caso da poboación infantil, de forma máis relevante ao carecer dun especialista. Por iso demanda unha solución inmediata.
Pola contra, o goberno socialista da Illa estudará novas mobilizacións de protesta do mesmo xeito que está a suceder noutros puntos da comarca onde tamén se rexistra unha situación deficiente.
Relacionadas:
-
Participación masiva na manifestación en defensa da sanidade pública en Caldas
Por Redacción |
-
Bonecos para demandar un pediatra e melloras na Atención Primaria de Baltar
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración en Baltar pola falta de médicos no centro de saúde
Por Redacción |
-
Poio sairá á rúa o 4 de decembro para "loitar contra a precariedade alarmante" do servizo sanitario no municipio
Por Redacción |
-
SOS Sanidade O Grove convoca unha concentración este domingo para reclamar persoal para dúas prazas de Pediatría
Por Anxo Lourido |
-
Montse Prado, do BNG, afirma que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés é o "banco de probas" do PP para desmantelar a sanidade
Por Anxo Lourido |
-
Caldas inicia a tramitación das solicitudes de axuda para os desprazamentos e a atención sanitaria
Por Redacción |