Poio sairá á rúa o 4 de decembro para "loitar contra a precariedade alarmante" do servizo sanitario no municipio
Por Redacción
O domingo 4 de decembro pola mañá terá lugar en Anafáns unha mobilización para esixir á Xunta de Galicia que garanta un sistema sanitario que cumpra con todos os requisitos e necesidades da veciñanza de Poio.
Este foi un dos acordos adoptados durante a última convocatoria da Mesa pola Defensa da Sanidade Pública de Poio, que tivo lugar o pasado mércores e na que, ademais de representantes dos grupos da Corporación municipal, tamén participaron integrantes de numerosas asociacións do municipio.
A organización da manifestación foi un dos acordos adoptados durante o encontro, no que tamén se apostou por impulsar unha nova campaña de recollida de sinaturas, que vivirá o seu día principal o vindeiro 30 de novembro, cando se habilite un posto á entrada do propio Centro de Saúde de Anafáns.
A concelleira de Sanidade e presidenta da Mesa, Marga Caldas, salienta o "acordo total" que houbo á hora de apostar por estas iniciativas de carácter reivindicativo para loitar contra "unha situación que leva enquistada desde hai moitos anos e que está a mermar e a colapsar o noso sistema sanitario a pasos axigantados".
Neste sentido, Caldas ten claro que as promesas realizadas polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra – O Salnés hai uns días, nunha reunión mantida en Pontevedra na que tamén participou o alcalde, Luciano Sobral, "non son suficientes".
"O Sergas afirma que se van cubrir vacantes, pero estamos a vivir unha situación límite que non só se arranxa con iso. Precisamos máis persoal; levamos moito tempo agardando e as solucións non chegan", indica a edil do Goberno local, que recorda que en Poio as listas de agarda son "de ata tres semanas ou máis", unha situación "inaceptable". É por iso polo que "sairemos á rúa con todas as consecuencias, damos este paso para defender a nosa sanidade, porque moitas cousas teñen que mellorar".
Caldas tamén expresou o seu agradecemento ao tecido social polo seu compromiso e implicación. De feito, as asociacións tamén se volcarán na recollida de sinaturas.
O Concello recorda que Poio conta na actualidade cun dos ratios de médico por número de pacientes máis elevado de toda Galicia, o que leva "á saturación do sistema e dos e das profesionais, que non poden desenvolver o seu traballo nas mellores condicións".