Reclaman que SOGAMA bonifique tamén a compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente de Caldas de Reis, Manuel González, denunciou este venres que a Xunta de Galicia "segue improvisando e dando bandazos co canon de Sogama, desprezando agora á compostaxe doméstica e comunitaria que non terá bonificación, debido a que se prioriza unicamente o quinto contedor, menos sostible e máis custoso que o tratamento dos biorresiduos en orixe, o que supón ademais recuperar unha tradición do rural galego".
Manuel González lembrou que o Concello de Caldas de Reis foi o primeiro en denunciar a "suba encuberta" dun 10% do canon de Sogama o pasado 29 de outubro. "Con esa denuncia e a posterior doutros concellos e partidos políticos conseguiuse que o propio presidente da Xunta de Galicia rectificase de pleno, anunciando o pasado día 9 non só o mantemento da bonificación aos concellos que facían esforzos en materia de reciclaxe, senón un incremento da bonificación ata o 15%", sinalou Manuel González.
Para Manuel González "sorprende que hai un mes a Xunta de Galicia non puidese manter a bonificación do 10% do canon de Sogama aos concellos por problemas económicos e, agora, anuncien a todo correr unha bonificación do 15% sen ningunha xustificación económica. Pero, sen nin sequera esperar ao debate parlamentario da Lei de Acompañamento dos Orzamentos e á súa eventual aprobación, Sogama dirixiuse esta semana por carta aos concellos dando xa por feita esta bonificación do 15% no canon de 2023".
Segundo sinala a carta de Sogama do pasado luns, inclúese como terceiro condicionante para obter a bonificación do canon "ter implantada antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada de materia orgánica a través do quinto contedor de cor marrón". Ante esta condición, Manuel González lembra que a lei estatal de residuos (Lei 7/2022 do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular), no seu artigo 25.2.b), equipara e considera tamén "como recollida separada de biorresiduos a separación e reciclado en orixe mediante compostaxe doméstica ou comunitaria".
A propia Sogama recoñece que este sistema de compostaxe en orixe "propicia unha notable redución de custos, tanto ambientais como económicos, pois se minoran as emisións de CO2 á atmosfera e redúcense os custos de transporte e tratamento dos biorresiduos".
Por todo iso, Manuel González, entre outras moitas dúbidas que lle xera a proposta de Sogama, reclama que a bonificación do 15% inclúa tamén aos concellos que estean a traballar na compostaxe doméstica e comunitaria, e insta á Xunta a que estude con máis detemento este tema cos municipios afectados, a través da FEGAMP, e que teña en consideración as achegas que se poidan facer no debate parlamentario dos orzamentos e a súa lei de acompañamento.
Relacionadas:
-
Enfado en Caldas pola implantación do contedor marrón que establece Sogama
Por Redacción |
-
Moraña, Portas e Campo Lameiro, únense para crear unha estratexia de xestión de biorresiduos conxunta
Por Redacción |
-
A nova planta de transferencia que Sogama constrúe na Lama, en servizo antes do verán
Por Redacción |
-
Sogama prevé que a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa dea servizo a 26 concellos en 2023
Por Noticia patrocinada |
-
Pontevedra achaca a suba do recibo de Sogama á baixada de impostos ás grandes fortunas
Por Alejandro Espiño |
-
Caldas de Reis denuncia a subida do 10% do canon de Sogama
Por Redacción |