A campaña do 25N en Poio céntrase no instituto e na rúa
Por Manu Otero
A actividade institucional do Concello de Poio virará ao longo deste mes de novembro ao redor do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre as Mulleres.
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, acompañada por representantes do CIM e colectivos locais de mulleres debullou cada un dos eventos do programa deste ano que se centra en dous piares: accións no instituto e na rúa.
"Poio planta cara" é o título da campaña deste 2022 coa que o Concello pide á cidadanía que se "posicione en favor da igualdade e en contra da violencia e os malos tratos machistas", explica Díaz, insistindo na necesidade de deixar de ser cómplice deste tipo de actitudes. Para logralo, ademais de denunciar calquera tipo de malos tratos cara ás mulleres, piden aos veciños que nas súas publicacións en redes sociais incorporen mensaxes en contra da violencia machista.
A programación da campaña deste ano comezou a elaborarse xa no mes de outubro en colaboración coas principais asociacións de mulleres do municipio. Un traballo que deu lugar a unha exposición denominada "A Pé de Rúa" que se poderá ver en todos os mupis do municipio e tamén nas redes sociais do Concello.
As fotografías, realizadas coa técnica do light painting, foron elaboradas por Ángela Ogando e estarán impresas tamén en chapas, botellas e bolsas que se regalarán aos cen primeiras persoas que se inscriban na andaina que terá lugar o domingo 27.
Esta andaina, que poñerá o colofón á programación deste mes, partirá desde o Bosque dás Mulleres, en Lourido, con destino á praza de Chousa, en Combarro. Alí procederán á lectura do manifesto e, a continuación, a cantante Cora Velasco dará un concerto.
Dous días antes, o día 25, está previsto o tradicional acto institucional ás portas do Concello de Poio na que todos os integrantes da corporación, acompañados por representantes de todos os colectivos veciñais e feministas que desexen participar, lerán unha moción conxunta en contra da violencia cara á muller.
Completa a programación a exposición "Mans de Muller" da pintora Mila Alonso, que estará visible no Casal de Ferreirós durante todo o mes de novembro.
As asociacións Mulleres do Mar, Mulleres Progresistas, Mulleres en Igualdade, Mulleres Arela, Airiños do Mar e os colectivos veciñais de Lourido, O Vao e A Laxe colaboraron na elaboración deste programa.
No referente ao ámbito educativo, explicou a directora do CIM de Poio, Raquel Morales, que as accións terán lugar principalmente entre o 14 e o 25 de novembro. Entre estas datas realizaranse obradoiros centrados en novas masculinidades e empoderamento feminino destinados ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato.
Participarán nestas actividades un total de 77 adolescentes en sesións duns 100 minutos. Nelas traballarase por xéneros, para concienciar aos mozos sobre asuntos como "a prevención da violencia e a discriminacion a partir do cuestionamento aos mandatos da masculinidade patriarcal, masculinidades libres e diversas, ferramentas de traballo para revisar as relacións de desigualdade, reflexionar sobre a socializacion baseada en xéneros, revisar como se autoperciben os homes e concienciar sobre o papel da masculinidade tradicional en relación coa represión emocional", detallou Morales.
Ás mozas informaranas sobre "a autonomía de criterio, a autoestima e a independencia con respecto aos iguais dos seu sexo", puntualizou a directora do CIM antes de engadir outros aspectos formativos como a "crítica das redes sociais e os estereotipos de xénero na linguaxe e nas representacións mediáticas".
"É moi importante traballar cos rapaces, porque teñen a tradición de que teñen que ser valentes e fortes e iso pode acabar en comportamentos agresivos", subliñou Morales.
O día 22 de novembro instalarase tamén no IES de Poio unha caseta da Secretaría Xeral de Igualdade para traballar co alumnado de 2º de ESO en cuestións relacionadas coa detección e prevención da violencia, así como en dar a coñecer os recursos que as mozas teñen á súa disposición en caso de padecela.
Estas accións terán continuidade no mes de xaneiro do próximo ano. Do 16 ao 20, o alumnado de segundo a cuarto da ESO recibirán información sobre a violencia de xénero dixital, o sexting, a pornografía, o cibersexo ou as aplicacións para ligar. Así mesmo, o día 24 estrearase no instituto unha exposición sobre o documental de Mabel Lozano, "Chicas nuevas 24 horas".
Relacionadas:
-
O alumnado do IES de Poio implícase na loita contra a violencia sobre a muller
Por Redacción |
-
O 25N chega a Caldas con obradoiros para previr a violencia machista dende idades temperás
Por Redacción |
-
Goberno e oposición aparcan as súas diferenzas para elaborar unha moción conxunta polo 25N en Poio
Por Redacción |
-
Os centros educativos de Poio volverán cobrar protagonismo na programación do 25N
Por Redacción |
-
Moción conxunta contra a violencia machista con demanda de investimentos para atender as vítimas
Por Redacción |
-
Un acto en Combarro pecha a programación do 25N en Poio
Por Redacción |