Volve o Outubrofest, este ano con menú vegano e sen glute
Por Natalia Puga
Entre o venres 28 de outubro e o martes 1 de novembro, volverá á praza de España de Pontevedra o Outubrofest 2022. Despois do parón motivado pola pandemia da covid-19, esta nova edición regresa ao seu último escenario -nas primeiras edicións, fora na praza do Teucro- e ofrecerá o habitual menú a base de salchichas, codillo e cervexa. Este ano, ademais, traerá como novidade a opción de salchichas veganas e sen glute.
O evento, organizado como é habitual polo Pontevedra Rugby Club, presentouse este venres no Concello de Pontevedra, nun acto nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente do club, Alberto Fernández; e a secretaria, Cristina Lorenzo.
A programación comezará o 28 de outubro ás 12.00 horas do mediodía e xusto ese día a concelleira Yoya Blanco estará de aniversario (50 anos) e xa anunciou que vai celebralo "cunha birra". Cada día, o horario será o mesmo, ininterrompido de 12:00 a 00:00 horas.
Haberá salchichas Frankfurt e Bratwurst normais e tamaño 'perrito', de medio metro e dun metro e tamén o tradicional codillo asado en forno de leña e este ano regresa a cervexa Paulaner rubia, tostada e de trigo, e tamén con opcións sen alcol e sen glute.
En canto ao menú, manterá prezos "asequibles" porque pretenden que "a xente poida vir comer en familia a un prezo máis que asequible". Os 'perritos' quentes terán un prezo de tres euros e o máis caro do menú será a salchicha xigante, de 13 euros, incluídos ensalada e chucrut ou ensalada. O codillo será de oito euros e a cervexa irá dos catro ou cinco euros o medio libro aos sete ou oito o litro.
A carpa da praza de España terá música en directo, sesións 'wermout' e, coincidindo co Samaín e Halloween, tamén un concurso de disfraces.
O Outubrofest terá este ano, como é habitual, a finalidade de recadar fondos para financiar os gastos xerais do club, en especial os destinados a desprazamentos por toda Galicia. Ademais, busca fomentar a cohesión e o traballo en equipo.
O evento busca ser un complemento á hostalería pontevedresa durante esa fin de semana, "unha escusa estupenda para achegarse a Pontevedra, comer aquí, compartir en familia e saír a coñecer a incrible hostalería que temos", sinalou o presidente do club, que insiste en que esta festa forma parte do "sentimento de pertenza que temos coa nosa cidade".
A homenaxe habitual do Outubrofest a outro club deportivo da cidade será este ano para o Club Naval de Pontevedra, que nos últimos tempos foi "unha axuda fundamental para nós". Queren agradecer esa boa relación e tamén render homenaxe a "un dos deportes máis emblemáticos da cidade, probablemente o que máis alegrías internacionais nos deu".
A Escola de Piragüismo do Club Naval de Pontevedra será a convidada o domingo 30 de outubro para comer e celebrar coa organización e para recibir o Premio Máis que Rugby.
Relacionadas:
-
O Outubrofest enche a carpa da Praza de España
Por Cristina Saiz |
-
O Outubrofest pontevedrés xa está en marcha
Por Manu Otero |
-
A Outubrofest desembarca na Praza de España
Por Manu Otero |
-
A Outubrofest trasládase á Praza de España na súa undécima edición
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Festín cervexeiro na Praza do Teucro cunha nova edicion da Outubrofest
Por Redacción & Diego Torrado |