A Outubrofest trasládase á Praza de España na súa undécima edición
Outubro está chegando á súa fin e, como é habitual, Pontevedra vaino despedir coa celebración da súa tradicional Outubrofest, a festa da salchicha e da cervexa que organiza o Pontevedra Rugby Club.
Iso si, a Outubrofest vén cun novo escenario. As eleccións do 10 de novembro impiden que a súa localización tradicional da Praza do Teucro, declarada espazo electoral, poda acoller a festa. A solución será trasladala á Praza de España onde se instalará unha carpa, más grande que as anteriores, entre os días 31 de outubro e 3 de novembro.
A organización agarda repartir 9.000 litros de cervexa loura, de trigo e tostada servida en xerras de pinta ou dun litro. Ademais, prepararanse unhas 10.000 salchichas e 1.000 codillos e haberá unha zona de lecer e animación infantil.
A carpa, que abrirá o día 31 ás 14.00 horas, funcionará en horario ininterrompido de 12.00 a 00.00 horas.
O presidente do club de rugby, Félix Álvarez, destacou que esta festa foi a primeira iniciativa de carácter social e festivo desenvolvida polo equipo, coa intención de acadar un xeito de autofinanciar a súa actividade e non depender das subvencións públicas.
Asegurou que a Outubrofest, que xa é unha "festa de referencia" en Pontevedra, é posible grazas ao traballo voluntario dos propios xogadores e das súas familias.
Os valores do rugby, engadiu, están no seu espírito xa que "ensina valores tan humanos como compartir bromas e confidencias entre leitugas e codillos, tíckets de cores, pesados barrís, pranchas sufocantes ou mesas ateigadas de xente".
Ademais, no marco da Outubrofest entregarase o premio 'Máis que rugby' que, como ano, recibirá un club deportivo da cidade que como o Pontevedra Rugby Club destaque polo seu traballo coa canteira. Desta volta o recoñecemento será para a SD Monte Porreiro.