A Outubrofest desembarca na Praza de España

Por Manu Otero
Rugby, salchichas, música e moita cervexa. Desde este xoves e ata o domingo, a Outubrofest estará instalada na Praza de España de Pontevedra. Esta importada celebración alemá que organiza por úndécima vez o Pontevedra Rugby Club tivo que abandonar o seu habitual emprazamento na Praza do Teucro porque alí están previstos actos da campaña electoral.
O escenario non é a única novidade desta xa tradicional celebración. Os consumidores poderán gozar tamén de actuacións musicais en directo, unha ludoteca infantil e unha tenda para adquirir pezas do equipo. Tamén nos fogóns hai novidades, pois os clientes poderán acompañar os seus enormes cachorros quentes cunha salsa de curry preparada expresamente para este festexo.
O que non faltará será a cervexa. É a protagonista do evento e hainas para todos os gustos e de diferentes tamaños e, para acompañar, tampouco faltará o clásico codelo.
Da organización e a atención aos clientes, encargaranse, como é costume, a familia do Pontevedra RC. Preto de 150 voluntarios farán quendas ao longo destes catro días para recadar fondos que permitan financiar todas as actividades deportivas da entidade.
A carpa permanecerá aberta todos os días de 12 a 12.