O TSXG revisará o xuizo polo incendio que desatou a vaga de lumes de 2006
Por Natalia Puga
A Sala do Civil e Penal do TSXG revisará o próximo 27 de novembro o xuízo polo que a Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a Serafín Pardiñas Pérez polo incendio que desatou a vaga de lumes de agosto de 2006.
O pasado 10 de maio unha maxistrada da Audiencia de Pontevedra fixo uso dunha facultade excepcional que ten a lei do xurado e disolveu o tribunal popular que fora convocado para xulgar o único acusado daquel lume iniciado en Cerdedo e no que faleceron, á altura de Cotobade, dúas persoas.
A presidenta do tribunal absolveu no propio acto do xuízo a Serafín Pardiñas ao non considerar que despois de tres días de xuízo e de que pasasen pola sala numerosas testemuñas e peritos "non" resulta a existencia de proba de cargo que xustifique" unha condena ao acusado. A Fiscalía e a Xunta de Galicia pedían unha condena a cinco anos de prisión e as fillas das vítimas, 25.
A Fiscalía, a Xunta de Galicia e a acusación particular exercida polas orfas das dúas falecidas non estiveron de acordo con tal actuación da maxistrada, de forma que presentaron recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Agora, o Alto Tribunal fixou data para revisar aquela absolución.
A maxistrada da Sección Cuarta de la Audiencia, Cristina Navares, sinalou na súa resolución que o lume que se iniciou en Cerdedo o 4 de agosto de 2006 tivo magnitudes desproporcionadas, afectou aos municipios de Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra provocou a morte de dúas mulleres, pero que non podería resultar obxectivo sinalar a Pardiñas como "autor ou non dos feitos".