O lume que desatou a vaga de incendios de 2006 volve ó xulgado
Por Redacción
O incendio que desatou a oledada de lumes de agosto de 2006 volve ter este martes 27 de novembro protagonismo xudicial. Despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra absolvese o 10 de maio ao único imputado, Serafín Pardiñas Pérez, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revisa aquela decisión xudicial.
A Sala do Civil e Penal do TSXG sinalou unha vista para revisar a absolución de Serafín Pardiñas Pérez solicitada pola Xunta de Galicia, a Fiscalía e a acusación particular exercida polas orfas das dúas falecidas.
Estas tres partes recorreron a resolución da Sección cuarta da Audiencia Provincial pola que se disolveu o xurado que debía resolver a Serafín Pardiñas por considerar que "non" resulta a existencia de proba de cargo que xustifique". Os recorrentes sosteñen que si hai probas e que un xurado debe revisalas, de modo que piden que se volva celebrar o xuízo con tribunal popular.
O TSXG deberá decidir nesta vista de apelación se volve convocarse a un xurado para xulgar a Pardiñas de novo por un delito de incendio forestal e dous de homicidio imprudente ou confirma a decisión da maxistrada da Audiencia Cristina Navares.
A maxistrada da Sección Cuarta da Audiencia Cristina Navares sinalou na súa resolución que o lume que se iniciou en Cerdedo o 4 de agosto de 2006 tivo magnitudes desproporcionadas, afectou aos municipios de Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra provocou a morte de dúas mulleres, pero que non podería resultar obxectivo sinalar a Pardiñas como "autor ou non dos feitos".