Piden que se repita o xuízo polo lume que desatou a vaga de incendios de 2006
Por Redacción
A Fiscalía, a Xunta de Galicia e a acusación particular, que apuntan a Serafín Pardiñas Pérez como presunto autor do lume que desatou a vaga de incendios de 2006, pediron este martes que se repita o xuízo contra el a pesar de quedar absolto en maio por estes feitos.
Estas tres partes realizaron a solicitude nunha vista de apelación celebrada na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para revisar a sentenza absolutoria de Pardiñas ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra.
Fiscalía, Xunta e acusación pediron que se revogue a sentenza absolutoria, que se incorporen ao proceso xudicial todos os testemuños recompilados na fase de instrución da causa e que se poña data para un novo xuízo con xurado popular como o celebrado en maio de 2012 e que rematou coa disolución do tribunal e a absolución do único procesado.
A maxistrada da Sección Cuarta de la Audiencia Provincial Cristina Navares, que presidía aquel tribunal con xurado, decidiu disolvelo por considerar que despois de tres días de xuízo e de que pasasen pola sala numerosas testemuñas e peritos "no resulta la existencia de prueba de cargo que justifique" unha condena ao acusado.
Os recorrentes sosteñen que si hai probas para xulgar a Pardiñas por un delito de incendio forestal e dous de homicidio imprudente polo que a Fiscalía e a Xunta de Galicia pedían unha condena a cinco anos de prisión e as fillas das vítimas, 25.
A maxistrada da Sección Cuarta de la Audiencia sinalou na súa resolución que o lume que se iniciou en Cerdedo o 4 de agosto de 2006 tivo magnitudes desproporcionadas, afectou aos municipios de Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra provocou a morte de dúas mulleres, pero que non podería resultar obxectivo sinalar a Pardiñas como "autor o no de los hechos".