O Goberno prohíbe a manifestación de A Mesa polo uso "ilegal" do topónimo La Toja

Por Redacción
A Delegación do Goberno en Galicia prohibíu a manifestación convocada pola Mesa para o próximo día 29 de setembro no Grove contra a deturpación do topónimo A Toxa no nome do Foro La Toja.
Así o denunciou esta entidade en defensa da lingua galega que asegura que, tras aceptar o cambio de hora solicitado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a concentración foi prohibida en base a un informe emitido pola Garda Civil.
A Mesa afirma que existe un "especial interese" por impedir a presenza de movementos sociais na illa da Toxa, onde acudirán entre outros o rei Felipe VI, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
"Somos molestos ao poder", lamenta este colectivo, que censura que o Goberno "ampare" con recursos e coa presenza dos seus representantes "o desprezo ao pobo galego e a súa lingua".
Esta circunstancia, segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "quedou demostrada na pasada edición coa intervención violenta da Garda Civil contra as persoas que reclamabamos o uso legal do topónimo".
A Mesa estuda recorrer a prohibición da Delegación do Goberno e aseguran que, pase o que sexa, o día 29 sairán á rúa para reclamar o cumprimento da lei.
"Todo o poder político e económico que se concentrará na Toxa non dá impunidade para incumprir a lexislación", sentencian desde o colectivo pola normalización lingüística.
Relacionadas:
-
TVE defende o uso do topónimo La Toja nun dos seus programas
Por Manu Otero |
-
Felipe Gonzalez e Mariano Rajoy propoñen "que declaren illa independente do resto do mundo" á Toxa
Por Redacción |
-
Felipe VI afirma en A Toxa que a guerra de Ucraína está a ser "un nexo de unidad y de solidaridad"
Por Oskar Viéitez |
-
A Mesa poderá manifestarse ante o Foro La Toja: "Querían facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos"
Por Redacción |
-
A Toxa, de novo escenario do 'cara a cara' entre González e Rajoy
Por Redacción |
-
A Mesa denuncia agresións da Garda Civil na súa marcha en defensa do topónimo "A Toxa"
Por Redacción |