A Mesa poderá manifestarse ante o Foro La Toja: "Querían facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos"
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revogou a prohibición da manifestación contra a deturpación do topónimo A Toxa, o nome oficial en galego, na denominación do Foro La Toja, que se celebra desde mañá no Grove.
O alto tribunal galego aceptou o recurso presentado polos organizadores desta concentración, A Mesa pola Normalización Lingüística, contra a decisión da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, obrigando ás autoridades para permitir a mobilización.
A manifestación, como estaba previsto inicialmente, será este xoves día 29, a partir das sete da tarde, no Paseo do Mar da illa da Toxa.
Na súa resolución, os xuíces lembran que toda actuación limitativa do dereito de reunión ha de estar presidida polo principio de 'favor libertatis', segundo o cal "soamente razóns convincentes e imperativas poden xustificar as restricións a esa liberdade".
A este respecto, sosteñen que a modificación de itinerario proposta pola Policía Local do Grove permite o "efectivo exercicio" do dereito fundamental de reunión.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lamentou o talante "pouco democrático" mostrado polo Goberno, ao optar por "limitar os dereitos civís e lingüísticos" da poboación, en lugar de asumir as alternativas que ofrecían as forzas e corpos de seguridade.
Esta resolución xudicial evidencia, segundo apunta Maceira, o "ánimo" que tiña a Delegación do Goberno en Galicia por "facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos, mentres ampara quen os incumpre".
"Se as autoridades asistentes ao acto tivesen vontade de garantir o cumprimento da lexislación non acudirían a un acto que fai gala do desprezo por ela", engadiu.
A Mesa sostén que se o Goberno quere impedir este tipo de manifestacións "só ten que actuar con algo máis de dilixencia" para garantir o uso do galego en organismos estatais como Facenda, Seguridade Social, o SEPE, as forzas de seguridade ou TVE.
Relacionadas:
-
TVE defende o uso do topónimo La Toja nun dos seus programas
Por Manu Otero |
-
Felipe Gonzalez e Mariano Rajoy propoñen "que declaren illa independente do resto do mundo" á Toxa
Por Redacción |
-
Felipe VI afirma en A Toxa que a guerra de Ucraína está a ser "un nexo de unidad y de solidaridad"
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno prohíbe a manifestación de A Mesa polo uso "ilegal" do topónimo La Toja
Por Redacción |
-
A Toxa, de novo escenario do 'cara a cara' entre González e Rajoy
Por Redacción |