O berro "Lumes Nunca Máis" escóitase simultaneamente nas sete cidades galegas
Por Redacción
Membros da plataforma "Por un monte galego con futuro", integrada por máis de 50 asociacións, colectivos ecoloxistas, culturais, sindicais e produtores rurais, concentráronse na tarde deste xoves 21 de xullo ante a Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra "para manifestar a súa indignación e esixir medidas á Xunta ante a actual vaga de lumes", segundo informaban.
Con esta acción, tamén queren amosar o total apoio á veciñanza afectada e aos colectivos dos profesionais que traballan na prevención e extinción dos lumes, así como "o rexeitamento á suicida política forestal da Xunta", declaran nun comunicado.
Ademais, en resposta á vaga de incendios que "está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galiza", as entidades convocantes reclamaron a declaración de "zona catastrófica" das áreas atinxidas polos lumes.
Así mesmo, solicitaron accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posible a súa restauración; o reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galicia, agora e durante todo o ano; e o impulso decidido de políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes, entre outras reivindicacións que se leron nun manifesto conxunto.
As concentracións, ao berro de "Lumes Nunca Máis", foron convocadas simultaneamente nas sete cidades galegas: Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo.
Relacionadas:
-
Incendio forestal en Poio nas proximidades da ponte da AP-9 sobre a ría
Por Redacción & Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Localizan indicios de "clara intencionalidade" en dous conatos de incendio no distrito forestal de Caldas-Salnés
Por Redacción |
-
Piden máis persoal forestal na concentración solidaria coas brigadas que se enfrontan a vaga de lumes en Ourense
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Unha brigada de voluntarios vixiará os montes de Barro para evitar incendios
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pide a Medio Rural habilitar un cordón de seguridade fronte aos incendios
Por Redacción |