Unha brigada de voluntarios vixiará os montes de Barro para evitar incendios
Por Redacción
Un grupo de voluntarios acaba de poñer en marcha unha brigada para vixiar o monte de Barro e evitar a actividade dos incendiarios e graves consecuencias como as que se producen cada verán nos montes de toda Galicia por mor dos incendios.
A iniciativa, voluntaria e altruísta, centrarase en vixiar o monte nas horas mais perigosas, as nocturnas, habitualmente elixidas polos incendiarios porque dificultan as tarefas de extinción ao non poder actuar os medios aéreos.
O grupo guiarase polo mapa da Xunta de Galicia sobre o grado de risco de incendios (que se pode ver na súa páxina web) e utilizará medios propios.
Este mércores xa houbo unha vixiancia a pesar de que o mapa recollía que o grado de perigosidade era moderado e este xoves empezan xa as quendas que serán habituais nas épocas de maior risco, a partir de última hora da tarde.
Para esta iniciativa os voluntarios contan coa colaboración de varias comunidades de montes, veciños do municipio e membros de colectivos de Barro como 'Stop velutina', 'Tecor de Barro' e 'Club Trazon 4X4'. Entre todos farán unha ficha identificativa con cada vehículo que vexan circular polo monte nas horas finais do día.
Esta brigada tivo como xérmolo a vaga de incendios forestais de outubro de 2017, pois naqueles días un grupo de veciños fixo unha xornada de vixilancia extraordinaria alertadps polos lumes que estaban a queimar municipios próximos como Soutomaior, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Caldas ou o monte da Armenteira.