Localizan indicios de "clara intencionalidade" en dous conatos de incendio no distrito forestal de Caldas-Salnés
Por Redacción
Axentes ambientais da Xunta, adscritos á Consellería do Medio Rural, localizaron indicios de intencionalidade en dous conatos de incendio forestal rexistrados días pasados no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés).
En concreto, os profesionais acharon papeis de xornais amoreados, colocados no punto de orixe do lume, o que según dixeron "indica unha clara intencionalidade".
Os directores de extinción de ambos conatos puxeron os feitos en coñecemento dos especialistas da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que están a realizar as pesquisas oportunas.
O primeiro destes indicios localizouse nun conato rexistrado neste distrito o pasado día 12 de xullo. O segundo foi atopado na mesma parroquia o día 26 deste mesmo mes. En ambos casos, a rápida intervención dos medios de extinción fixo que a superficie afectada fora de tan só 0,01 hectáreas nos dous conatos.
A localización destes indicios súmase ao achado, a pasada semana, dun artefacto incendiario que causou outro conato de incendio no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño). Nese caso os axentes da UIFO localizaron unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.