Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido
A Deputación de Pontevedra inicia unha campaña de divulgación para que particulares e empresas teñan coñecemento sobre as novidades da Lei 7/2022 do 8 de abril sobre os residuos e solos contaminados para unha economía circular. Esta lei para o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, supón unha "auténtica revolución" no tratamento dos residuos.
Explicou que a nova normativa establece que concellos, familias, negocos, industrias ou calquera axente que xere residuos se converte en "responsable" dos residuos. Desta forma, afirmaba Mosquera, as escusas xa non poden ser utilizadas para evitar o bo tratamento dos restos.
Advirte tamén de que a lei prohibe que todo aquel residuo que poida reutilizarse se incinere. Un dos temas máis destacados céntrase na prohibición das queimas agrícolas, agás con motivos fitosanitarios, xa que esixe o seu tratamento para converter eses elementos naturais en biomasa. Os residuos agrarios pasan a ser considerados un "ben" para estrume ou para compostaxe. Estes materiais e os restos das comidas constitúen case a metade dos residuos que xera a sociedade, indicou o vicepresidente.
No caso dos residuos comerciais non xestionados por unha entidade local, ou no caso de residuos industriais, establécese como obrigatoria a separación en orixe e posterior recollida separada das fraccións de residuos. A partir deste xoves 30, o aceite de cociña usado destes establecementos, como é o caso dos pertencentes ao sector de hostalería, debe recollerse xa de maneira separada. Tamén contempla que os produtores de biorresiduos comerciais e industriais deberán separalos en orixe sen que se produza a mestura con outros residuos para, desta forma, realizar unha correcta reciclaxe.
César Mosquera: "Temos que cambiar o chip"
O vicepresidente da Deputación explicou que determinados sectores, como o de servizos, e institucións deben dar un salto adiante para adaptarse ao que recolle a lei, que contempla sancións económicas en caso de incumprimento. Segundo indicou, en referencia a Sogama da Xunta, é necesaria a aplicación inmediata da separación en orixe e hai que avanzar nesta liña. Sinala que en xeral en todo o Estado "non se tomou en serio" e agora é necesario reconducir para acometer esas accións de separación desde o inicio. "Temos que cambiar o chip. Non podemos seguir facendo cos residuos o que estamos facendo, botándoo todo nunha bolsa", alertou Mosquera.
Apuntou tamén que a nova lei recolle, entre outros aspectos, prácticas do Plan Revitaliza impulsado en Pontevedra para establecer a normativa da compostaxe comunitaria. Mosquera asegura que o tratamento de biorresiduos na provincia é maior en domicilios que no sector servizos e, por este motivo, lánzase a campaña destinada a concienciar aos profesionais.
Relacionadas:
-
Prohibidas desde este sábado as queimas agrícolas e forestais particulares
Por Redacción |
-
Aposta da Deputación pola agrocompostaxe con axudas de ata 600.000 euros por empresa
Por Redacción |
-
A Mancomunidade do Morrazo recolle 540 quilos de biorresiduos no inicio da campaña 'porta a porta' na hostalaría
Por Redacción |
-
Técnicos de Lyon e Porto resaltan o sistema de compostaxe da Deputación
Por Redacción |
-
Recollida diaria do lixo ou marcar días na semana para tirar as diferentes fraccións de residuos?
Por Redacción |
-
O Revitaliza atopa modelos máis baratos, máis efectivos na reciclaxe e con creación de postos de traballo
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza descobren en Euskadi e Navarra novas experiencias de compostaxe
Por Redacción |