Aposta da Deputación pola agrocompostaxe con axudas de ata 600.000 euros por empresa
Por Redacción
O Plan Revitaliza establece unha nova liña de axudas por valor total de 1,5 millóns de euros destinada a impulsar a agrocompostaxe nas empresas gandeiras e agrícolas da provincia ao mesmo tempo que se establece unha conexión cos biorresiduos que se reciben nos composteiros municipais.
César Mosquera, vicepresidente provincial, anunciaba estas subvencións que pon en marcha a Deputación destinadas a entidades e cooperativas relacionadas con estes sectores. A proposta contempla aproveitar eses biorresiduos da actividade agrogandeira combinados cos de orixe doméstica. O resultado en forma de compost sería aplicable aos campos destas empresas para fertilizar os seus solos eliminando así o uso de elementos químicos.
Serían susceptibles destas axudas entidades que produzan residuos vitivinícolas, hortofructícolas, silvícolas, agrogandeiras e tamén adegas ou iniciativas similares que utilicen fertilizantes. Co diñeiro das axudas, dun máximo de 600.000 euros por entidade, financiaríase a adquisición de maquinaria necesaria e a adaptación ou construción de instalacións para executar o proceso.
Mosquera explicaba que con esta medida se resolvería o problema dalgúns municipios para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación e, por outra banda, xeraríanse fertilizantes de boa calidade para os profesionais que traballan en explotacións agrícolas. Con esta alternativa, apuntou, evitaríase levar os biorresiduos a unha planta de maior ou menor tamaño para a xestión dos biorresiduos.
A intención desde a Deputación é pechar o círculo e avanzar no sistema de compostaxe para ofrecer unha xestión máis eficiente e avanzada, tomando como exemplo outros países como Austria onde funciona porque quen produce os biorresiduos está interesado en utilizar o compost, afirmou o vicepresidente provincial.
Sinalou que esta idea desenvólvese agora grazas á nova normativa de residuos aprobada este ano e espera unha boa aceptación por parte do sector. Tamén avanzou que se estudará a posibilidade de realizar unha nova inxección de fondos desde a Deputación no caso de que a demanda sexa elevada.
Nesta primeira fase, o máximo de axuda a un proxecto alcanzaría o 75% do investimento co límite establecido de 600.000 euros para unha empresa. Entre os requisitos que se demandan é preciso que a empresa achegue biorresiduos propios; utilice tamén residuos municipais domésticos; e que se comprometa a empregar o compost para o exercicio da actividade empresarial. Ademais, a pureza dos biorresiduos debe ser moi elevada para garantir un fertilizante de gran calidade.
Por último, as empresas deberán presentar unha facturación media nos tres últimos anos igual ou superior a medio millón de euros. Desde a Deputación enviáronse cartas informativas a distintas entidades da provincia.
Relacionadas:
-
O modelo de compostaxe da Deputación chegará á India da man da Fundación Vicente Ferrer
Por Oskar Viéitez |
-
O Revitaliza e a Fundación Vicente Ferrer expoñen as súas experiencias sobre a xestión de residuos en Galicia e na India
Por Redacción |
-
Caldas entregará outros 110 composteiros financiados polos fondos Next Generation
Por Redacción |
-
Mosquera imparte en Logroño un seminario intensivo sobre mobilidade urbana
Por Redacción |
-
Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido |
-
A cidade de Porto e a Universidade de Lyon aprenden do Revitaliza como modelo de xestión de residuos
Por Redacción |
-
A Deputación habilitará axudas para que os concellos poidan adaptarse á nova Lei de Residuos
Por Oskar Viéitez |