Recollida diaria do lixo ou marcar días na semana para tirar as diferentes fraccións de residuos?
Por Redacción
Tres días á semana recóllense os residuos orgánicos, dous días á semana recóllense os envases, un día á semana o vidro, outro o papel e outro a fracción resto. Esa é a organización da recollida de lixo que se realiza no concello de Sort en Cataluña, un dos exemplos de éxito na xestión dos residuos que coñeceu este mércores a comitiva dos concellos Revitaliza na súa viaxe de formación.
Segundo explicou o director de Planificación Estratéxica da Agència de Residus de Catalunya Francesc Giró aos representantes da provincia, a decisión de eliminar a recollida diaria do lixo en colectores e pasar a unha recollida periódica e alterna das diferentes fraccións é a chave do éxito para conseguir os obxectivos de reciclaxe obrigados pola Unión Europea.
Nos concellos que se fai así en Cataluña chégase a cifras que superan o 85% de reciclaxe, unha cifra moi superior ao 50% que a UE esixe para este ano 2022 e incluso á que será obrigatoria en 2035. Os datos dos municipios que seguen cos colectores na rúa ou outros sistemas de recollida baixan ao 45%. A situación destas localidades catalás choca, a día de hoxe, cos concellos da provincia de Pontevedra, onde os mellor situados grazas ao Revitaliza rozan o 40%.
Giró falou en concreto da situación do Consello Comarcal de Pallars de Sobirá, 15 municipios cunha poboación de 7.000 habitantes que no verán chega a 500.000. Alí implantouse o sistema de recollida Porta a Porta, facilitouse á veciñanza un caldeiro para sacar á rúa os biorresiduos e outro caldeiro de maior tamaño para sacar o resto das fraccións de maneira diferente cada día. Antes do cambio de sistema o consello comarcal estaba na cola de Cataluña, agora está entre as cinco zonas con mellores datos.
Ademais de recibir explicacións técnicas, a comitiva pontevedresa puido ver como na noite de onte a cidadanía sacaba á rúa o caldeiro que correspondía á fracción de envases e o deixaba na porta. Esta mañá tamén observaron ‘in situ’ como facían a recollida os operarios, facendo lecturas dos chips identificativos (cada vivenda ten un código asignado) ao botar o lixo no camión: o sistema tecnolóxico permite saber canta cantidade de residuos bota cada persoa e se cumpre coa reciclaxe como corresponde ou hai algunha incidencia.
CASETAS CON CONTROL DE ACCESO PARA ZONAS DISEMINADAS
Pola súa banda, o responsable técnico do Consello Comarcal do Solsones Toni Jiménez, explicou como "virou a tortilla" co cambio dos sistemas tradicionais ao retirar os colectores da rúa e pasar a unha recollida calendarizada por fraccións.
Destacou que na planta de compostaxe na que traballan anteriormente tratábanse 9 trincheiras de residuos orgánicos mesturados con outros residuos e só tres de orgánica pura, mentres que co cambio á 'Porta a porta' a fracción resto misturada caeu a apenas un cuarto da cantidade anterior e a orgánica pura duplicouse, podendo facer un compost de maior calidade.
Para as zonas máis diseminadas, apuntou, estase a traballar para retirar 40 das 81 illas de reciclaxe que hai nas zonas rurais e substituílas por casetas con recollida 'Porta a porta' e identificación de usuario mediante un control de acceso. "Temos a vista posta na taxa xusta, que cada persoa pague polo que xera. Todo vai encamiñado a iso", apuntou.
A comitiva pontevedresa seguiu pola tarde cara á Mancomunidade de La Plana, onde tiveron unha benvida institucional do presidente Ferrán Teixidor, o vicepresidente Xavier Rierola e a xerente Imma Codoni. As explicacións técnicas sobre a xestión dos residuos na zona recaeron no xefe de área de Medio Ambiente Francesc Molist, quen fixo unha chamada aos políticos pontevedreses a "crer e apostar" por un modelo 'Porta a porta' cuxas cifras falan por si soas: na mancomunidade formada por 14 municipios (35.000 habitantes) os datos pasaron a superar o 88% de recollida selectiva cunha media do 83,4% anual. "O obxectivo é que a fracción resto non supere o 10%" apuntou.
Na zona as e os representantes dos concellos Revitaliza coñeceron como se aplica a alta tecnoloxía dos caldeiros con chips de alta frecuencia e tamén as melloras que se están a introducir na planta de compostaxe de Malla, que pretende tratar unha capacidade de 2.500 toneladas de biorresiduos anual. "Aquí o recibo da ‘basura’ está entre os 140-150 euros ao ano. Debería dar para cubrir os costes do servizo, algo que xa é obrigatorio por lei para 2025. Se se mancomunan costes pode haber prezos competitivos, pero está claro que hai que ir ao pago por xeración dende a orixe", subliñou.
Relacionadas:
-
Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido |
-
A cidade de Porto e a Universidade de Lyon aprenden do Revitaliza como modelo de xestión de residuos
Por Redacción |
-
Vilagarcía e O Grove estudan aplicar a recollida de residuos 'porta a porta' aos produtores singulares
Por Redacción |
-
A comitiva do Revitaliza coñece as dificultades de implantar o sistema 'Porta a porta' de recollida de residuos
Por Redacción |
-
O Revitaliza atopa modelos máis baratos, máis efectivos na reciclaxe e con creación de postos de traballo
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza descobren en Euskadi e Navarra novas experiencias de compostaxe
Por Redacción |
-
Unha comitiva provincial viaxa a Cataluña, País Vasco e Navarra para aprender dos seus sistemas de recollida de residuos
Por Redacción |