Os concellos do Plan Revitaliza descobren en Euskadi e Navarra novas experiencias de compostaxe
Por Redacción
Representantes do Plan Revitaliza da Deputación e de concellos como o de Poio, O Grove, Sanxenxo ou Vilagarcía, entre outros, comezaron este luns en Euskadi a súa viaxe formativa para coñecer novos sistemas de recollida de residuos que poder aplicar en territorio pontevedrés.
As conclusións non puideron estar máis claras: a recollida Porta a Porta (PaP) obtén resultados “indiscutibles” tanto en calidade como en rapidez á hora de mellorar as taxas de reciclaxe e compostaxe. Os municipios de Kripán, da mancomunidade de Sakana e o concello de Usurbil melloraron as súas cifras en pouco tempo dun 20 % ata un 85 %, moi por riba do que nestes momentos esixe a normativa europea para este ano 2022.
A primeira parada da comitiva pontevedresa estivo no Concello de Kripán, o alcalde apuntou que a compostaxe é obrigatoria por ordenanza e que a veciñanza ten dúas posibilidades: levar os seus biorresiduos á zona comunitaria de compostaxe ou deixalos na zona habilitada para que llos recollan PaP.
En dous anos as cifras de reciclaxe pasaron do 20 % ao 70 %, tendo colectores na rúa para o resto das fraccións con control de acceso por tarxeta que limitan canto e como se bota o lixo. A implantación deste sistema na pequena vila está agora en fase de expansión a outros municipios da mancomunidade con entre 1.000 e 3.000 habitantes.
A segunda parada do día foi á Mancomunidade de Sakana, á planta de compostaxe de Arbizu. Na comarca hai 20.000 habitantes en 15 concellos, estando a planta no medio do val e preparada para tratar entre 1.200 e 1.300 toneladas de orgánico, que chega despois dunha recollida principalmente PaP e tamén por colector nalgúns casos, así como outro sistema máis de recollida.
O alcalde de Urdiain e presidente da manconumindade Daviz Oroz subliñou que nestes momentos a mancomunidade acadou o máximo nivel de separación en toda Navarra obtendo compost da maior calidade na planta de compostaxe, incluso útil para agricultura ecolóxica, que despois se reparte gratuitamente entre a veciñanza.
Oroz foi un claro defensor da recollida PaP: “A nosa vivencia é clara. Convivimos con tres sistemas de recollida e se me demostran que con outro sistema se conseguen iguais cifras non teño problema. Pero os resultados son indiscutibles: co PaP conseguimos unha separación do 85 %, cun resto de só o 15 %, e con outros sistemas como os colectores baixamos ao 50 % de separación. O PaP ten algúns problemas políticos e de xestión, pero é o futuro”, salientou.
Finalmente, xa pola tarde, a parada foi no concello de Usurbil, que dende 2009 é o primeiro municipio do País Vasco en recollida selectiva, achegando niveis superiores ao 80 %. Neste caso unha das novidades é a implantación dunha ‘taxa xusta’ en 2014 e a ausencia de colectores para recoller ningunha fracción na rúa: todos os días a veciñanza saca a fracción correspondente nun caldeiro que está identificado por persoa usuaria e cantidade.
Segundo explicou á comitiva pontevedresa do Revitaliza o técnico Ibon Goikoetxea, en cuestión de só varias semanas o municipio conseguiu cifras espectaculares de reciclaxe ao implantar a recollida PaP: “hai unha adaptación da veciñanza de maneira inmediata ao retirar os colectores da rúa, a xente adáptase e os resultados son moi bos”. Subliñou que nestes momentos a cidadanía paga polo lixo un fixo e un variable en función dos residuos que non recicla e deixa no cubo do ‘resto’ (o que non é orgánico, cartón, plásticos ou vidro).
Outra das novidades de Usurbil é a posta en marcha dunha planta de agrocompostaxe, na que hai un acordo entre o concello, a asociación de desenvolvemento rural e o sector agrícola da zona: en termos xurídicos o primeiro é o posuidor do residuo, o segundo o que o xestiona, e o terceiro o que achega a man de obra para a compostaxe e se beneficia do compost. “Estamos a ver como funciona. Recollemos unhas 700-800 toneladas anuais e tratamos unhas 48 na miniplanta. Temos que ver os resultados, pero así pechamos o círculo dende o principio, cun aproveitamento dos residuos”, finalizou Goikoetxea.
Todas estas ideas serán incorporadas polo persoal político e técnico pontevedrés para ver a posibilidade de implantación na provincia. A viaxe formativa do Revitaliza seguirá este martes por Euskadi, Navarra e Cataluña con outras catro experiencias diferentes sobre residuos.
Relacionadas:
-
Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido |
-
Vilagarcía e O Grove estudan aplicar a recollida de residuos 'porta a porta' aos produtores singulares
Por Redacción |
-
A comitiva do Revitaliza coñece as dificultades de implantar o sistema 'Porta a porta' de recollida de residuos
Por Redacción |
-
Recollida diaria do lixo ou marcar días na semana para tirar as diferentes fraccións de residuos?
Por Redacción |
-
O Revitaliza atopa modelos máis baratos, máis efectivos na reciclaxe e con creación de postos de traballo
Por Redacción |
-
Cuntis adhírese á campaña de sensibilización sobre a correcta reciclaxe de pilas e baterías
Por Redacción |
-
Unha comitiva provincial viaxa a Cataluña, País Vasco e Navarra para aprender dos seus sistemas de recollida de residuos
Por Redacción |
-
A xestión e prevención de residuos municipais, a estudo
Por Redacción |